- O desfile escolar de Entroido será o encargado de arrancar o próximo venres 13
O Entroido chega á Guarda da mellor maneira. Os encargados de arrancar a programación especial son os máis pequenos da casa co Desfile Escolar o próximo venres 13 de febreiro.
Preto de 450 nenos e nenas sairán ás rúas a partir das 11:30h para amosar os seus mellores disfraces. O percorrido comezará na Alameda e rematará no inicio da rúa Galicia (O Galo). Neste desfile tamén participarán os grupos de gaitas da 3ª Idade e do centro Social Fuscalho.
O sábado 14 haberá festa de Entroido con djs, de 23:00 a 1:30h, que dará comezo á programación na Alameda da Guarda. As seguintes tardes os nenos e nenas serán os protagonistas.
Na tarde do domingo 15, a partir das 17:00h a Alameda terá casetas de xogos populares para desfrutar o Entroido en familia. Ademais, celebrarase a festa “O Entroido no mundo”, con globoflexia, obradoiro de antifaces, bailes e xogos musicais que farán un repaso polos diferentes entroidos do mundo.
O luns e martes de Entroido continuamos coas tardes en familia. O luns 16 continuamos con xogos tradicionais a partir das 17:00h e co show “O autoestopista intergaláctico” ás 17:30h, onde se mestura ciencia ficción, clown e transformismo e que precisará a participación do público.
Para o martes de Entroido o desfrute en familia está garantido coa “Pequedisco Moc Moc & remember temazos 90-2000”, con Mereclown. Neste show non só haberá música, senón tamén clown e animación infantil e familiar que fará desfrutar a todo o público.
O prato forte chegará o venres 20 de febreiro co Desfile de Entroido. Este sairá ás 20:30h da Rúa Porto Rico (Esquina Famosa) e percorrerá a Rúa Galicia ata rematar na Alameda. Alí a festa continuará con animación musical e festa.
Para rematar o Entroido na Guarda, celebraremos o sábado de piñata con festa a cargo de djs de 22:00h a 1:30h.
Recordade que a inscrición de participación no desfile está aberta ata o próximo mércores 11. En caso de chuvia, proporase unha nova data para a celebración do desfile.



