HomeLugoA UlloaO Pleno de Antas de Ulla aproba medidas para mellorar a atención...

O Pleno de Antas de Ulla aproba medidas para mellorar a atención social, reforzar os servizos municipais e protexer os accesos públicos

- Anuncio -spot_img

O goberno aprobou os acordos clave en materia de SAF e protección do viario, nun Pleno marcado pola responsabilidade, a prioridade social e o rigor económico

O Concello de Antas de Ulla celebrou este xoves, 29 de xaneiro, unha sesión ordinaria do Pleno municipal na que se aprobaron os principais puntos da orde do día, nunha xornada centrada na mellora dos servizos públicos, na protección das infraestruturas municipais e no reforzo da atención social.

O goberno que encabeza a alcaldesa Pilar García Porto defendeu un conxunto de acordos orientados a mellorar a calidade de vida da veciñanza, reforzar os servizos sociais, dignificar o traballo do persoal municipal e seguir corrixindo carencias herdadas de anteriores mandatos, sempre desde a responsabilidade e o rigor na xestión.

No ámbito social, o Pleno aprobou a actualización do prezo da hora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que queda fixado en 19,76 euros por hora para o ano 2026, unha proposta que contou co respaldo da Corporación municipal, incluído o Grupo Municipal do Partido Popular. Este axuste técnico, baseado nos custos reais do servizo, permitirá manter e reforzar máis de 36.300 horas anuais de atención directa a domicilio.

Na actualidade, o SAF atende a 78 persoas usuarias, unha cifra que rolda habitualmente as 80, cunha media de prestación de arredor dunha hora e cuarto diaria por persoa usuaria. O custe total anual do servizo sitúase arredor dos 850.000 euros, dos cales o Concello de Antas de Ulla achega aproximadamente o 40%, mentres que a Xunta de Galicia, o Estado e a Deputación Provincial financian arredor do 50%, e o 10% restante corresponde ás achegas das persoas usuarias, calculadas en función dos seus ingresos, garantindo así un sistema xusto, progresivo e socialmente equilibrado.

Outro dos puntos centrais da sesión foi a aprobación inicial da ordenanza reguladora do uso común especial do dominio público local polas actividades extractivas de madeira, que contou tamén co apoio da Corporación municipal. Esta normativa permitirá que as empresas madeireiras traten con maior coidado os accesos, camiños e vías municipais, obrigándoas a reparar os danos ocasionados e a repoñer as infraestruturas ao seu estado previo tras as cortas. O obxectivo é protexer os accesos ás aldeas, vivendas e explotacións, compatibilizando a actividade económica coa seguridade viaria e co dereito da veciñanza a unhas infraestruturas en bo estado.

O Pleno aprobou igualmente a modificación inicial do cadro de persoal municipal, dirixida a corrixir desaxustes detectados, garantir condicións laborais xustas e recoñecer o labor do persoal, mantendo ao mesmo tempo o equilibrio orzamentario. Desde o goberno local sublíñase que coidar ás traballadoras e traballadores municipais é fundamental para garantir uns servizos públicos de calidade.

No apartado de actividade de control, foi debatida e aprobada a moción presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular, á que a alcaldesa incorporou unha emenda para ampliar a solicitude de axudas tamén á Xunta de Galicia, e non exclusivamente á Deputación Provincial. O goberno municipal amosou así o seu apoio ao fondo da proposta, apostando por explorar todas as vías posibles de financiamento, aínda que deixou claro que se trata de actuacións inviables a curto prazo, xa que o Concello debe continuar axustando contas, priorizando servizos básicos e resolvendo deficiencias herdadas de anteriores gobernos antes de afrontar investimentos desta envergadura.

Desde o goberno municipal lembran que, a pesar do importante volume de recursos mobilizados grazas a unha xestión constante, aínda existen necesidades estruturais pendentes que requiren tempo, planificación e responsabilidade. Neste contexto, o executivo local aposta por avanzar paso a paso, priorizando a atención social, o coidado dos accesos públicos, a dignificación do persoal municipal e a estabilidade económica como base imprescindible para poder acometer no futuro novos proxectos estratéxicos para Antas de Ulla.

Publicacións Relacionadas