•As actividades terán lugar os días 15 e 17 de febreiro na Praza Nova, con festa infantil, desfile de disfraces, música en directo e importantes premios
O Concello de Antas de Ulla presenta a programación do Entroido 2026, unha das citas festivas máis destacadas do calendario local, que se desenvolverá os días domingo 15 e martes 17 de febreiro na Praza Nova, cunha proposta pensada para público de todas as idades.
A programación dará comezo o domingo 15 de febreiro ás 16:00 horas, cunha festa infantil que contará con inchables, chocolatada, doces tradicionais de entroido e un desfile de disfraces, co obxectivo de fomentar a participación das familias e da cativada.
As celebracións continuarán o martes 17 de febreiro, a partir das 20:30 horas, coa Festa de Entroido amenizada por DJ David Expósito, seguida do desfile de disfraces ás 21:30 horas. A partir das 22:30 horas terá lugar a actuación musical do Dúo Ciclón, tras a cal se procederá á entrega de premios, continuando posteriormente a sesión musical co DJ.
O desfile contará con importantes premios económicos tanto para participantes individuais ou parellas como para comparsas, con cantidades que alcanzan os 300 euros no primeiro premio de comparsas. Ademais, entregarase un premio especial de 30 euros ao participante de maior idade, ao disfrace máis orixinal e ao grupo máis numeroso.
As persoas interesadas en participar no desfile deberán realizar a inscrición nas oficinas municipais do Concello ata o 16 de febreiro.
Desde o Concello de Antas de Ulla anímase á veciñanza e visitantes a participar nesta celebración, que combina tradición, lecer e convivencia, converténdose nun punto de encontro festivo para toda a comarca.



