HomeA CoruñaA Campaña Municipal de Animación á Lectura volve este ano co lema...

A Campaña Municipal de Animación á Lectura volve este ano co lema ‘Ler para crecer’

- Anuncio -spot_img

As actividades desta XX edición celebraranse ata o 12 de marzo na sede de Afundación, na rúa do Vilar, e inclúen propostas de balde tanto para centros de ensino como para familias, e unha exposición aberta ao público cos últimos sete gañadores do Premio Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados.

A concelleira de Educación, Míriam Louzao, presentou este mércores a XX Campaña Municipal de Animación á Lectura, que nesta edición leva por título ‘Ler para crecer’. Na rolda de prensa, celebrada no Pazo de Raxoi, estivo acompañada por Manuela Rodríguez, directora de Kalandraka Editora, entidade colaboradora nesta iniciativa.

Míriam Louzao expresou a súa satisfacción pola volta desta “campaña moi querida” e especialmente valorada polo persoal docente. Afondou en que esta iniciativa municipal busca “achegar a lectura e a ilustración nun marco agradable e motivador” co obxectivo de que as nenas e nenos “vexan a lectura como unha actividade pracenteira” e que saiban que “ler fainos medrar e fainos libres”.

A concelleira detallou que as actividades principais da campaña se desenvolverán do 9 de febreiro ao 12 de marzo e que o próximo martes, día 10, terá lugar a inauguración da exposición que recolle ilustracións orixinais dos últimos sete gañadores do Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, que quedará aberta ao público na sede de Afundación, que se converterá “nun pequeno museo” con múltiples actividades, todas de balde, algunhas dirixidas ao centros en ensino e outras para as familias.

Louzao incidiu na importancia de “darlles ferramentas ás familias” para crear o hábito lector entre os nenos e nenas, especialmente para que “poidan facelo desfrutando en galego”.

Engadiu que se trata dunha actividade moi demandada e que nas anteriores edicións desta campaña a cifra de participantes situouse en 5.000. E que este ano cóntanse xa unhas 3.000 peticións.

Pola súa banda, a directora de Kalandraka manifesto que “é un pracer retomar esta campaña” e asegurou que a editorial centrará os seus esforzos de promoción da lectura durante este tempo en Compostela. Manuela Rodríguez destacou tamén que xunto cos libros os pequenos e pequenas descubrirán o patrimonio compostelán, comezando pola Casa do Pozo, o edificio do número 19 da rúa do Vilar que actualmente ocupa Afundación e que é sede desta campaña. “Van poder ter ese pracer de atravesar o casco vello de Santiago, chegar á rúa do Vilar e atoparse coa Casa Grande do Pozo, que moitos non coñecen, nin sequera os pais e os profesores. Ver a importancia da auga e das transformacións que sufriu o edifico para chegar e ser isto”, afirmou.

‘Ler para crecer’

«Ler para crecer» é o lema da XX Campaña Municipal de Animación á Lectura que se celebrará do 9 de febreiro ao 12 de marzo, organizada polo Departamento de Educación do Concello de Santiago en colaboración con Kalandraka e con Afundación Santiago. A sede desta institución, no número 19 da rúa do Vilar, acollerá as actividades dirixidas fundamentalmente ao alumnado de educación infantil e primaria, ao profesorado e ás familias.

«Grande e pequena», a obra de Arianna Squilloni e Raquel Catalina distinguida co XVIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, será o eixe da programación. Tamén compartirán ese protagonismo os libros galardoados dende o ano 2019: «O can de Milu» de Mariann Máray, «Dende 1880» de Pietro Gottuso, «Selva» de Marina Gibert, «Esperando o amencer» de Fabiola Anchorena, «A visita» de Núria Figueras e Anna Font, e «Bim Bam Bum» de Maria Girón.

Tras sete anos dunha paréntese que tivo a súa orixe na pandemia de coronavirus, a Campaña Municipal de Animación á Lectura retómase cunha grande exposición de ilustracións e de elementos tridimensionais creados a partir destes sete álbums. A mostra estará aberta ao público ‑fóra das actividades de escolares e de familias- en horario de 13:00 a 14:00 horas e 16:30 a 20:30 horas (de luns a sábado).

A XX Campaña de Animación á Lectura comezará este vindeiro luns coas visitas matinais que irán realizando diariamente as nenas e os nenos de educación infantil, primeiro e segundo de primaria que van participar nas sesións de contacontos con música, realizadas por Paco Nogueiras.

O alumnado de terceiro e cuarto de primaria asistirá aos obradoiros de ilustración que impartirá o artista plástico Xosé Cobas. Tamén haberá talleres de escrita creativa co autor Francisco X. Fernández Naval, dirixidos aos rapaces e rapazas de quinto e sexto de primaria.

Tras a charla de presentación da Campaña ao profesorado que se celebrou o pasado 14 de xaneiro, o persoal docente e os profesionais de mediación lectora poderán gozar dun percorrido guiado á exposición o martes día 10, a partir das 18:30 horas.

Actividades de balde para as familias

Ademais, están programadas varias actividades de balde para familias, con inscrición previa a través do enderezo de correo electrónico reservaseducacion@santiagodecompostela.gal: o sábado 14 de febreiro ás 11:30 e ás 12:30 horas haberá sesións de contos para bebés arredor da colección de prelecturas «Do berce á lúa», de Antonio Rubio e Óscar Villán.

Os sábados 21 e 28 de febreiro, ás 12:00 horas, Paco Nogueiras conducirá senllas sesións de contacontos con música para familias. Asimesmo, o sábado 7 de marzo á mesma hora, desenvolverase unha sesión inclusiva de contos con música que, neste caso, contará coa colaboración das intérpretes de ‘En lingua de signos’.

Publicacións Relacionadas