HomeA CoruñaOs membros da Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero...

Os membros da Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero recibiron formación sobre a figura do facilitador procesal

- Anuncio -spot_img

A xuntanza serviu tamén para revisar acordos anteriores e analizar situacións de vulnerabilidade para mellorar a coordinación das actuacións.

A Mesa de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero celebrou unha nova reunión no Edificio Administrativo da Laracha coa participación de representantes do Concello –edil de Igualdade, Rocío, López, directora do CIM, Ana Aldao, e persoal técnico de Igualdade e Servizos Sociais-, da Garda Civil -comandante do posto da Laracha-, dos centros de ensino do termo municipal -directores e orientadores educativos do IES Agra de Leborís e dos CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión- e do centro de saúde da Laracha -xefe de servizo, pediatra e enfermeira de pediatría-.

O encontro tivo como obxectivo continuar reforzando a coordinación entre os distintos sectores profesionais implicados na prevención, detección e atención das situacións de violencia de xénero.

O aspecto máis salientable da reunión foi a acción formativa dirixida ás persoas integrantes da mesa sobre a figura do facilitador ou facilitadora procesual, profesional que acompaña durante todo o procedemento xudicial ás persoas con discapacidade ou diversidade funcional que presentan dificultades para expresarse ou comprender o proceso. A formación foi impartida por Manuel Seoane, técnico de FADEMGA (Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento), quen explicou as funcións desta figura e o seu papel fundamental para garantir o acceso á xustiza en condicións de igualdade.

Durante a xuntanza procedeuse, tamén, á revisión dos acordos adoptados nas reunións anteriores co fin de avaliar o seu grao de cumprimento. Así mesmo, analizáronse distintos casos e situacións de especial vulnerabilidade para mellorar a coordinación das actuacións entre os diferentes ámbitos representados e avanzar cara a unha resposta máis eficaz e integral.

O Concello agradece a implicación e a colaboración de todas as persoas participantes e dos sectores profesionais representados na mesa, destacando a importancia de continuar traballando de xeito coordinado e comprometido na loita contra a violencia de xénero co obxectivo de ofrecer unha atención cada vez máis eficaz e garantir a protección das vítimas.

Publicacións Relacionadas