HomeDeputaciónsDeputación OurenseMenor defende no Consello de Goberno da Sección das Vilas Termais da...

Menor defende no Consello de Goberno da Sección das Vilas Termais da FEMP ao termalismo como motor de sáude, emprego e cohesión territorial

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial, na súa calidade de presidente da Sección de Vilas Termais da FEMP, defendeu que o termalismo “debe ser considerado unha cuestión de Estado”, integrada nas políticas públicas de saúde e reto demográfico

“Cada euro investido en termalismo non é un gasto, é unha inversión en saúde para os nosos maiores, en emprego para a mocidade e en futuro para os concellos”, concluíu, reivindicando que as Vilas Termais “non son pobos con auga, senón auténticos destinos de vida”

O presidente da Deputación de Ourense e presidente da Sección de Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), liderou a reunión do Consello de Goberno desta Rede, celebrada no Balneario Vichy Catalán de Caldes de Malavella (Xirona), onde puxo en valor o papel estratéxico do termalismo como ferramenta clave para o benestar, o desenvolvemento local e a loita contra a despoboación.

Durante a súa intervención, o presidente destacou que a Rede de Vilas Termais inicia o ano 2026 “nun momento de crecemento e consolidación”, con 76 entidades locais adheridas que representan a máis de 3,6 millóns de cidadáns en todo o Estado. “Non somos só unha sección administrativa da FEMP; somos unha ferramenta ao servizo da economía do coidado e unha oportunidade real para o mundo rural”, subliñou.

O máximo responsable das Vilas Termais da FEMP avanzou tamén a vontade de dar un paso decisivo na apertura da Rede, coa incorporación de socios colaboradores e observadores, co obxectivo de crear un ecosistema público-privado que permita reforzar a proxección do sector e o seu posicionamento estratéxico. Neste contexto, salientou a importancia de establecer alianzas con outras redes da FEMP e de impulsar colaboracións con organismos como o IMSERSO, para garantir que o termalismo chegue a todo o territorio e contribúa ao envellecemento activo da poboación.

No ámbito operativo, o presidente fixo referencia aos avances en materia de dixitalización e modernización da Rede, destacando a continuidade do Proxecto de Experiencias grazas a unha nova subvención de 100.000 euros ao abeiro do Real Decreto 1087/2025. “Seguimos avanzando cara a un modelo de xestión máis innovador, centrado na experiencia do usuario e na creación dunha marca sólida”, afirmou.

Outro dos eixos da intervención foi a necesidade de avanzar na seguridade xurídica do sector. O presidente incidiu na importancia do Grupo de Traballo Xurídico-Técnico, co obxectivo de avanzar cara a unha normativa estatal coherente e actualizada que dea estabilidade e recoñecemento ao termalismo.

No plano institucional, anunciouse que a próxima reunión do Consello de Goberno celebrarase en Alange (Badaxoz) e que a XIX Asemblea Xeral da Rede terá lugar en Archena (Murcia) no ano 2026, agradecendo o alto nivel das candidaturas presentadas por outras vilas termais.

Como peche, o presidente lanzou unha mensaxe clara: “O termalismo é emprego non deslocalizable; onde hai un manancial, hai unha oportunidade de vida”. Neste sentido, defendeu que o termalismo debe ser considerado “unha cuestión de Estado”, integrada nas políticas públicas de saúde e reto demográfico.

“Cada euro investido en termalismo non é un gasto, é unha inversión en saúde para os nosos maiores, en emprego para a mocidade e en futuro para os concellos”, concluíu, reivindicando que as Vilas Termais “non son pobos con auga, senón auténticos destinos de vida”.

Publicacións Relacionadas