O BNG alerta do grave estado de deterioro que presentan varias vías secundarias en Vilalonga, Noalla e Bordóns, nas que a falta de mantemento e o retraso na execución de traballos de mellora están a provocar unha preocupante falta de seguridade viaria, agravada polos temporais
Os nacionalistas instan ao Goberno do Partido Popular a que teña un trato igualitario “para todas as parroquias, sen que haxa veciños de primera e de segunda”
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo lamenta a inacción do Goberno local, dirixido por Telmo Martín, nas parroquias do rural. Unha situación que vén sendo unha tónica constante ao longo dos últimos anos e que neste inverno tan duro, marcado polas adversas condicións meteorolóxicas e as abundantes precipitacións, están a provocar situacións moi preocupantes en diferentes zonas do municipio.
Una das consecuencias da falta de mantemento é o estado de deterioro que presentan varias pistas e vías secundarias, que son moi utilizadas polos veciños e veciñas. Vilalonga é unha das parroquias máis afectadas. Tal e como advirte o Bloque, a día de hoxe a estrada que une o lugar de Gondar coa igrexa de San Pedro “está practicamente inutilizable en varios tramos, a pesares das queixas reiteradas trasladadas pola veciñanza”. A súa situación, con acumulación de auga e fochancas de gran tamaño, supón un risco para a seguridade viaria, tanto para peóns como para os propios condutores. Sen saíres de Vilalonga, outros lugares como A Arnosa presentan as mesmas deficiencias. “O señor alcalde debería saír máis do seu despacho ou, cando menos, enviar aos seus concelleiros para que coñezan a situación do rural, que deixa moito que desear”, critican desde o BNG.
O grupo nacionalista esixe ao alcalde que aclare por que non se acomete este mantemento. “O señor Martín dilapida millóns de euros en proxectos faranónicos cheos de cemento en Silgar ou no porto deportivo, pero segue a esquecerse do rural. As consecuencias agrávanse agora, cun inverno no que abundan as precipitacións, que deterioran por completo as conexións”, denuncia o Bloque, que reclama ao alcalde que “deixe de actuar como se houbese veciños de primeira e de segunda en Sanxenxo”.
Ao fío desta situación, o grupo municipal do BNG presentou no último Pleno ordinario dúas preguntas relacionadas con estas carencias. Por unha banda, os nacionalistas solicitaron ao alcalde que expoña as razóns polas que aínda non comezaron os traballos de asfaltado na Revolta, en Noalla, onde tamén hai varias pistas nun estado impracticable. “O Goberno local asegurou que esas obras ían comezar en xaneiro, pero nada se sabe ao respecto. A veciñanza merece saber as razóns e tamén a data de inicio e finalización dunha actuación moi necesaria”, apuntan. Outra pregunta trasladada polo BNG foi ao respecto das acumulacións de auga que se están a rexistrar de xeito sistemático no lugar do Galiñeiro, en Bordóns, na estrada en dirección ao Sear e a Areas. A veciñanza alerta do deterioro do firme e da saturación dos sistemas de drenaxe, polo que o Bloque que saber se hai algún proxecto contemplado para atallar estes problemas.
A día de hoxe o grupo de Goberno aínda non deu resposta a estas preguntas, logo de comprometerse a responder por escrito a estas cuestións.



