A fronte nacionalista denuncia que estes datos, da compañía TomTom, evidencian que o actual modelo é “insustentábel, inseguro e prexudicial para a saúde e a convivencia”
Situase como a 12ª urbe con peor tráfico do Estado español, un 60% máis que en 2022
Xabier P. Igrexas: “Frente a un Caballero que se resigna a que Vigo sexa unha cidade de tráfico denso, lento e ruidoso, o BNG apostamos por ofrecer alternativas ao uso do coche”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe un novo modelo de mobilidade en Vigo diante dos “niveis insoportábeis de tráfico” na cidade. A fronte nacionalista denuncia que as viguesas e vigueses tiveron que “soportar” un total de 56 horas de atascos o pasado ano 2025, segundo o índice internacional que vén de facer público a compañía TomTom.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, alertou da “preocupante tendencia” na conxestión do tráfico, que incrementou até nun 60% dende o ano 2022, segundo o mesmo informe. Uns datos que elevaron Vigo até o posto 12 entre as urbes do Estado español, a maior de todas as cidades galegas, con máis atascos.
“Evidencian un modelo de mobilidade colapsado, insustentábel a nivel ecolóxico, inseguro e prexudicial para a saúde e a convivencia”, valorou Igrexas, chamando a rectificar o Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel, aprobada hai 12 anos, diante da falla de avances e da mellora do tráfico na cidade.
Para o Bloque esta situación volve poñer de manifesto a “necesidade urxente” de despregar alternativas reais para reducir o uso do vehículo particular en Vigo, onde cada día se rexistran máis de 300.000 desprazamentos e acceden 90.000 coches dende concellos limítrofes. Así, case a metade do tráfico na cidade continúa a realizarse en coche ou moto, duplicando o uso do transporte público colectivo.
“Frente a un Abel Caballero que se resigna a que Vigo sexa unha cidade de tráfico denso, lento, ruidoso e perigoso, o BNG seguimos a reclamar unha aposta decidida por un outro modelo”, manifestou o portavoz municipal nacionalista. Entre as medidas, defendeu “máis e mellor transporte público, máis espazo para as persoas e a promoción da mobilidade peonil, o uso de bicicletas e de vehículos de mobilidade persoal”.
Contrapuxo este modelo alternativo do Bloque co proxecto do Goberno municipal para as Zonas de Baixas Emisións. “En lugar de multar a quen non poida compra un vehículo híbrido ou eléctrico, as viguesas e vigueses necesitan alternativas reais para reducir o uso do vehículo particular”, salientou Igrexas, chamando a “avanzar cara ao Vigo máis verde, máis habitábel e sustentábel que merecemos”.
Ruído, contaminación e sinistralidade
Dende o BNG alertaron de que este volume tráfico na cidade supón para 2 de cada 3 persoas na cidade uns niveis de ruído “insoportábeis”, por riba dos recomendados pola Organización Mundial da Saúde. E tamén unha elevada contaminación atmosférica, con emisións de entre 600 e 740.000 toneladas de CO2 cada ano e coa presenza no aire de partículas potencialmente tóxicas para a saúde humana. A estas cifras, engádese unha “inaceptábel” taxa de sinistralidade viaria, con máis de 2.000 accidentes de tráfico cada ano e cun número “moi preocupante” de atropelos, que até teñen provocado mortes.



