HomePontevedraO Concello de Redondela leva máis dun ano á espera de que...

O Concello de Redondela leva máis dun ano á espera de que a Xunta remita o convenio para reabrir a exposición de Sargadelos

- Anuncio -spot_img

– A Xunta de Galicia comprometeuse en novembro de 2024 a remitir ao Concello o convenio asinado para abrir ao público a mostra de Sargadelos na Casa da Torre. Quince meses despois o Concello non recibiu comunicación algunha. A alcaldesa está “na mellor das disposicións para asinar este acordo polo que agardamos desde hai anos” e confía en que a Xunta “materialice canto antes o seu compromiso”.

– O convenio de cesión, asinado pola Xunta co anterior goberno do PP, establecía condicións de seguridade con cámaras de vixilancia. O sistema é o mesmo que se conserva actualmente na sala. Rivas lembra que, se o Plan Xacobeo ten intención de renovar a cesión, debe facelo “nas mesmas condicións”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, urxe á  Axencia de Turismo da Xunta de Galicia a formalizar o convenio administrativo que permita reabrir a exposición de Sargadelos instalada no edificio da Casa da Torre. En novembro de 2024 celebrouse unha xuntanza no Concello Redondela entre a alcaldesa, a concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, e o Director da Axencia, José Manuel Merelles. Nese encontro Merelles comprometeuse a que nun prazo de tres meses estarían os convenios asinados, prazo que rematou hai xa un ano sen ter recibido o Concello comunicación algunha. O responsable de Turismo da Xunta mostrou o seu interese por coñecer persoalmente a colección de cerámica de Sargadelos, visita que realizou coa alcaldesa e a concelleira Pérez Táboas. Na visita Merelles puido comprobar persoalmente como está exposta a colección en vitrinas pechadas e ben conservadas, contando a sala con cámaras de vixilancia. A exposición leva pechada dende o ano 2020, e desde esa data a Xunta de Galicia non realizou labores de mantemento das salas, nin autorizaron ao Concello a facelas.

En canto á solicitude feita pola Xunta de Galicia sobre os medios de seguridade na sala da Casa da Torre, a alcaldesa lembra que no convenio de cesión inicial estableceuse un sistema con cámaras de vixilancia. O equipo é o mesmo que se conserva a día de hoxe na sala. Rivas lembra que, se o Plan Xacobeo ten intención de renovar a cesión “nas mesmas condicións”, os requisitos en materia de seguridade “deberían ser os mesmos”.

A alcaldesa, a través dos servizos técnicos do Concello, xa solicitou á Xunta “que na maior brevidade posible” se leven a cabo as xestións necesarias para a renovación dos convenios para o uso da sala da Casa da Torre coa exposición de Sargadelos, así como a cesión da praza da Torre e da parcela O Carballo das Cen Pólas e finca anexa “A Garonda” en Reboreda.

Rivas afirma que o Concello está “na mellor das disposicións para asinar este acordo polo que agardamos desde hai anos”. A rexedora redondelá confía en que desde a entidade dependente da Xunta se confirme tamén canto antes esa boa disposición para facer o acordo oficial “tal como se comprometeu o director Miralles na súa visita a Redondela”.

A rexedora sinala que o Concello “fixo os deberes” e solicitou en incontables ocasións a renovación dos convenios.

Publicacións Relacionadas