Hoxe é un día importante para o Concello de Ponteareas e, especialmente, para o seu persoal laboral. O goberno municipal presenta o proceso para a redacción da Relación de Postos de Traballo (RPT) do persoal laboral, unha ferramenta fundamental que dá resposta a unha demanda histórica das traballadoras e traballadores municipais e das organizacións sindicais, recollida xa no convenio asinado no ano 2019 co anterior goberno que o deixou gardado no caixón.
Con este paso, o Concello amosa de maneira clara o seu compromiso co persoal laboral, arredor de 133 persoas que cada día prestan servizo á veciñanza, representan á institución no desempeño do seu traballo e fan posible que Ponteareas conte con servizos públicos de calidade. Sen o seu esforzo e profesionalidade, a administración local non podería cumprir coa súa función.
A nova RPT supón unha actualización necesaria que revisa e mellora as condicións salariais, adapta os postos á realidade actual e incorpora melloras que recoñecen o traballo que se realiza a diario. Trátase tamén dunha mostra da importancia que este goberno lle dá a unha xestión responsable, planificada e rigorosa dos recursos humanos municipais.
Desde o Concello sublíñase que este compromiso co persoal municipal non é algo puntual. Proba diso é que cada ano se procede á actualización da Relación de Postos de Traballo do funcionariado, garantindo así unha administración moderna, ordenada e acorde coa normativa vixente.
O goberno municipal quere agradecer o papel fundamental dos sindicatos e a colaboración e implicación de todas e todos os traballadores municipais.
Ademais, coa chegada deste goberno reactivaronse os procesos selectivos convocando nestes anos a maior oferta de emprego público da historia e avanzando na regularización de diferentes situacións laborais, co obxectivo de ofrecer emprego estable, garantir a seguridade xurídica do persoal e cumprir rigorosamente coa lexislación vixente.
O Concello de Ponteareas continuará traballando nesta liña, convencido de que coidar ás persoas que traballan na administración local é a mellor maneira de mellorar os servizos públicos e atender mellor á veciñanza.



