– As actuacións céntranse no tramo da Portela e no treito de Rande, entre a explanada de Duchess e o areal de Cabanas. As dúas rutas, que suman case tres quilómetros, poñen en valor un importante patrimonio redondelán como a propia enseada de San Simón, o peirao dos Carabineiros, o cargadoiro Coto Wagner ou a fortaleza de Rande
– O goberno local presenta dous proxectos estratéxicos, destacando a sinalización dos dous tramos. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que estas actuacións serven para “mellorar a conectividade peonil, recuperar o acceso á costa para a veciñanza e fomentar un turismo respectuoso coa enseada de San Simón”.
O Concello de Redondela deu un novo paso na súa estratexia de recuperación e posta en valor do litoral coa presentación de dous proxectos aos Fondos Europeos xestionados polo GALP Ría de Vigo-A Guarda. O obxectivo central é consolidar a denominada Ruta da Costa, un itinerario peonil que pretende conectar todo o percorrido costeiro municipal, dende Soutoxuste ata Chapela. Trátase de dúas rutas litorais na parroquia de Cedeira, unha no tramo da Portela, e a outra no estreito de Rande.
Sinalización e posta en valor do tramo A Portela
Unha das actuacións máis destacadas é o “Proxecto de Sinalización da Ruta da Costa e Recursos Turísticos no tramo A Portela”, na parroquia de Cedeira. Esta intervención actuará sobre un treito de case un quilómetro entre o coñecido Porto das Marés e o camiño da Porta Cedeira. O proxecto non só busca facilitar o tránsito peonil a través de paneis informativos modernos e unificados, senón tamén converter o paseo nunha “experiencia interpretativa”. Para iso instalaranse sinais que permitirán á veciñanza e visitantes coñecer a fondo a riqueza histórica e ambiental da zona. A ruta, de dificultade fácil e trazado lineal, discorre por un entorno de alto valor natural, ecolóxico e patrimonial. Entre os recursos que se porán en valor destacan a propia enseada de San Simón, incluída na Rede Natura 2000, o peirao dos Carabineiros e patrimonio industrial como a fábrica IME. Con esta solicitude ao GALP o Concello reafirma “o seu compromiso coa economía azul e o turismo sostible”, explica Rivas. Segundo sinala o goberno local, “trátase de devolverlle o mar á xente, garantindo que o crecemento turístico sexa compatible coa preservación dun ecosistema tan fráxil e valioso como o da nosa enseada”.
Proxecto de sinalización en Rande
Trátase dun tramo de 1.900 metros comprendido entre as parroquias de Cedeira e Trasmañó. O itinerario parte da explanada do cargadoiro Coto Wagner cara ao Museo Meirande, atravesando Rande ata a N-552. Dende alí, a ruta continúa polo camiño da Igrexa Vella e o antigo viario de servizo da ponte de Rande, pasando pola fortaleza e regresando por unha senda costeira que desemboca no areal de Cabanas. Este proxecto tamén contempla un trazado alternativo que conecta o camiño da praia de Rande directamente coa fortaleza, pasando polas inmediacións do cargadoiro. A intervención consistirá na instalación de sinais direccionais e paneis interpretativos para divulgar a riqueza histórica da zona. Con estas actuacións, o Concello de Redondela reafirma a súa aposta “por un modelo de turismo de natureza e proximidade, respectuoso co medio mariño e que pon en valor a paisaxe única da Ría de Vigo”.



