HomeA CoruñaA Pobra celebra as XI Xornadas Muller e Ciencia con actividades para...

A Pobra celebra as XI Xornadas Muller e Ciencia con actividades para todos os públicos

- Anuncio -spot_img

• A programación levarase a cabo na semana do 9 ao 13 de febreiro

As Xornadas Muller e Ciencia da Pobra do Caramiñal chegan este ano á súa décimo primeira edición, consolidándose coma un referente para a divulgación científico e na visibilización do traballo científico das mulleres da contorna.

Durante a presentación da programación, a concelleira de Igualdade, Estefanía Ramos, resaltou que o obxectivo é chegar a todas as idades “creando referentes femininos e combatendo os estereotipos de xénero dende as primeiras etapas educativas” sen esquecer “a todos os veciños e veciñas que poidan estar interesadas nas diferentes propostas científicas que achegamos”.

Seguindo esta liña, deseñáronse actividades específicas para os centros de infantil, primaria e a veciñanza adulta que se levarán a cabo na semana do 9 ao 13 de febreiro.

Nos centros educativos de infantil desenvolverase un contacontos interpretado con monicreques que van achegar ás máis pequenas e pequenos a vida e investigacións da primatóloga Jane Goodall e da pioneira Xoaquina García ‘A Ghaxola’, orixinaria de Porto do Son e inventora do material hidrófugo co que elaborou o primeiro traxe de augas confeccionado con liño e impermeabilizado con varias capas de aceite. Un traxe que estaba deseñado para protexer a saúde dos homes que ían traballar ao mar.

No que respecta ao alumnado de primaria, concretamente do cuarto curso, as xornadas van estar enfocadas en obradoiros prácticos cos que as nenas e nenos poidan experimentar por si mesmas, facendo ciencia en primeira persoa. Por iso, levaranse a cabo experimentos sinxelos con electricidade estática, densidade de líquidos e reaccións químicas básicas. Ademais, tamén se dará a coñecer a figura da Ghaxola.

Xa o propio Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, conmemorado o 11 de febreiro, vaise retransmitir en liña, ás 16:30 horas, a intervención de Elena Vázquez Abal, matemática da USC e divulgadora científica cuxo labor de investigación está centrado na xeometría diferencial.

Ademais, Vázquez Abal foi presidenta da Comisión de Mulleres e Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española (RSME) e recibiu galardóns como o Premio de Divulgación Científica 2024 da Real Academia Galega de Ciencias ou o primeiro premio de Divulgación Científica da USC.

Todas aquelas persoas que queiran participar de forma activa poderán facelo a través dunha ligazón que será publicada con anterioridade nas redes sociais do Concello. Ademais, a intervención quedará aloxada na canle de YouTube municipal para quen queira vela con posterioridade.

Publicacións Relacionadas