HomeTabeirósA EstradaOs orzamentos como expresión ideolóxica: o caso das contas municipais

Os orzamentos como expresión ideolóxica: o caso das contas municipais

- Anuncio -spot_img

Os orzamentos públicos non son un exercicio técnico nin unha mera previsión contable: son, na súa esencia, unha declaración ideolóxica. Revelan con maior claridade ca calquera discurso que modelo de sociedade se defende, cales son as prioridades reais dun goberno e que ámbitos se consideran prescindibles. No caso das contas municipais recentemente presentadas, esta dimensión ideolóxica maniféstase con especial nitidez.

Un primeiro dato estrutural é xa significativo: arredor do 90 % dos ingresos correntes destínanse a gastos correntes. Esta realidade limita enormemente a capacidade de transformación do orzamento e consolida un modelo de xestión orientado á mera administración do existente, sen ambición estratéxica nin vontade de planificar a medio e longo prazo. Non se trata dun condicionante inevitable, senón do resultado de decisións políticas acumuladas.

A falta de credibilidade nas previsións de ingresos é outro elemento revelador. As liquidacións dos últimos exercicios amosan un desfase reiterado entre o previsto e o realmente recadado en impostos indirectos: no 2024 recadouse apenas o 42 % do previsto, e no 2023 o 37 %. A pesar deste histórico, o goberno municipal volve repetir previsións irreais.

É certo que se produce un incremento nominal nas partidas de gasto social, pero este aumento resulta claramente insuficiente e, ademais, distorsionado. Unha parte substancial deste gasto corresponde ao Servizo de Axuda no Fogar, un gasto impropio que debería ser asumido pola Xunta de Galiza. O concello asume competencias financeiras alleas mentres o goberno municipal acepta esta situación con absoluta docilidade institucional.

A consecuencia é dobremente grave: por unha banda, consolídase o incumprimento da Xunta; pola outra, redúcese a capacidade do concello para atender novas necesidades sociais ou ampliar a cobertura dos servizos existentes.

Desde unha perspectiva estritamente financeira, as contas preséntanse como saneadas, cunha débeda asumible situada arredor do 26 %, aínda que con tendencia ao aumento, e cun aforro neto próximo aos cinco millóns de euros. Mais este aforro aparente baséase no uso de remanentes para financiar gastos correntes, unha práctica que non é nin lóxica nin sostible. Empregar remanentes para gasto ordinario implica hipotecar o futuro e evidencia a ausencia dun proxecto político sólido.

Mesmo no caso de que o aforro fose estruturalmente elevado, o resultado sería igualmente preocupante: non se explica a falta de investimentos estratéxicos nin o abandono do mantemento das infraestruturas xa existentes, máis alá de actuacións menores e inconexas. Que o concelleiro de Facenda se gabe de presentar uns orzamentos (que chegan con retraso) sen incrementar os xuros (nas súas palabras) que son precisamente os que afogan ás familias, ao mesmo tempo que o PP oponse ás subas salariais e á revalorización das pensións, que os gurús do seu modelo económico estean no cárcere, ás portas de entrar en prisión ou con múltiples causas xudiciais abertas, ten graza.

En definitiva, estas contas municipais son ideoloxía en estado puro. Expresan unha visión da política reducida á inercia, á submisión institucional e á xestión a curto prazo. Dime como elaboras os teus orzamentos, como prevés ingresos, a que destinas o aforro e que servizos decides non reforzar, e direiche que ideoloxía practicas.

Publicacións Relacionadas