HomeXunta de GaliciaA Xunta inviste máis de 210 M€ na rehabilitación, conservación e mellora...

A Xunta inviste máis de 210 M€ na rehabilitación, conservación e mellora dos centros educativos

- Anuncio -spot_img

— Román Rodríguez reafirma o compromiso do Goberno galego con estas tarefas e pide un plan nacional, con fondos estatais, para poder intensificar as obras

— Trátase dun labor compartido cos concellos, responsables do mantemento dos centros de Infantil e Primaria

— Insiste na necesidade de que se reduza ao 10% o IVE das obras educativas, tal e como aprobou o Parlamento

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio Plurilingüe Barrié de la Maza, en Santa Comba, para supervisar as obra de rehabilitación integral, nas que o Goberno galego está a investir máis de 1,3 M€.
Durante a visita, o conselleiro destacou que a Xunta leva investidos máis de 210 M€ na rehabilitación, conservación e mellora dos centros de ensino a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica. “Falamos de obras de eficiencia enerxética, como cambios de cuberta, canlóns e fiestras, illamento de fachadas, así como de reparacións e intervencións de diferentes envergaduras, que contribúen a mellorar o día a día dos centros”, sinalou.
“Isto demostra o compromiso do Goberno galego co conservación dos centros nas mellores condicións, de xeito paralelo ao avance que estamos a facer no deseño dos novos colexios e institutos a través deste plan”, afirmou.
Román Rodríguez explicou que esta é unha tarefa compartida cos concellos, dado que o mantemento dos centros de Infantil e Primaria é competencia municipal. “Confiamos no compromiso dos concellos neste eido”, engadiu.
Necesidade dun plan estatal
Tal e como explicou Román Rodríguez, nestes días de climatoloxía adversa queda de manifesto a importancia deste tipo de actuacións. “Temos moito feito, pero aínda queda moito por facer, dado que é unha tarefa continua e permanente”, sinalou o conselleiro, que reiterou que as administracións autonómica e municipal non poden asumir en exclusiva estas responsabilidades, sen ningún cofinanciamento por parte do Estado, como ocorre ata o momento.

A este respecto fixo fincapé na necesidade de que o Goberno central elabore un Plan nacional de mellora de infraestruturas educativas para apoiar tanto ás comunidades como aos concellos nos seus labores de mantemento e conservación. “Necesitamos que o Ministerio comprometa fondos que nos permitan intensificar o volume de obras no parque público de instalacións educativas, que só en Galicia ten arredor de 1.600 edificios cunha elevada idade media”, incidiu.

Así mesmo, instou unha vez máis ao Goberno estatal a reducir ao un tipo reducido do 10% o IVE das obras de construción, reforma ou rehabilitación de centros de ensino públicos, ao tratarse de actuacións vencelladas á prestación dun servizo esencial e básico como é a educación. “Tanto esta redución como a habilitación do devandito plan estatal son cuestións aprobadas no Parlamento de Galicia e que nos permitirían avanzar aínda máis na remodelación dos centros de ensino”, asegurou.

Melloras en Santa Comba
A intervención no CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza está en execución e a previsión é rematar os traballos en verán. O obxectivo da intervención, tal e como sinalou o conselleiro, é mellorar a eficiencia enerxética do centro e, como consecuencia, o confort térmico da comunidade educativa.

Para iso, o programa da actuación inclúe o cambio de 2033 m² de cuberta por unha nova de panel sándwich de 30 mm. de espesor. Tamén se mudan os canlóns e as baixantes e instálase sobre o forxado baixo-cuberta illamento de la de roca de 10 cm de espesor.

No que atinxe á envolvente, renóvase a carpintería exterior de todo o edificio, instalando sete novas portas e 111 fiestras de aluminio con rotura de ponte térmica, vidros de dobre folla e persianas. Así mesmo, aplícase sistema de illamento térmico polo exterior tipo SATE sobre os 3.106 m² de fachadas. Con esta actuación acadarase un aforro enerxético medio do 42%.

A maiores, a intervención inclúe a colocación de falsos teitos para mellorar a acústica, a instalación de 571 luminarias led, a renovación da instalación eléctrica e o pintado do interior do colexio para conseguir un aspecto adecuado en todo o centro.

Publicacións Relacionadas