O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, reuniuse con representantes do ente empresarial
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, reuniuse con representantes do grupo Proinsa, ao abeiro do obxectivo da Consellería do Mar de establecer alianzas que afonden no impulso da cadea mar-industria de Galicia. É o caso das axudas de transformación dos produtos do mar previstas para este ano, e que o Goberno galego pon a disposición do sector cun importe de 14 millóns de euros no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).
Unhas achegas que xa permitiron o financiamento de 486 proxectos por valor de 144 millóns de euros desde o período Femp, e que afondarán no impulso da cadea de valor do tecido empresarial en termos de innovación, economía circular e competitividade, e de cara a promover un aproveitamento sustentable dos produtos do mar.
Durante o encontro, ambas as partes tamén trocaron impresións sobre os principais desafíos do sector, así como as oportunidades que ofrece a cooperación entre Administración e a iniciativa privada para reforzar o tecido produtivo como motor de emprego e cohesión territorial. Neste contexto, o director xeral destacou que Proinsa é un exemplo da importancia da cadea mar-industria en Galicia.
A reunión inscríbese na axenda de contactos que a Consellería do Mar vén mantendo con empresas e entidades co obxectivo de coñecer de primeira man a súa realidade e avanzar en políticas adaptadas ás necesidades dos distintos elos da actividade marítimo-pesqueira.



