– As clases de baile “Ritmo vital”, novidade deste curso, son todo un éxito con 120 participantes en Redondela e Chapela. As aulas de Tai Chi “Equilibrio vital” e “Memoria Viva”, con talleres cognitivos, repiten como en anos anteriores con preto de 400 e 320 alumnos e alumnas respectivamente. Todas as actividades son de balde e realízanse nas diferentes parroquias por parte da concellería de Maiores.
– A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira Iria Vilaboa, visitaron hoxe ao alumnado no primeiro día de clases e comprobaron “o gran éxito destas actividades con máis participantes cada ano”. Rivas lembra que o obxectivo destes programas é “mellorar o estado físico e cognitivo das persoas maiores e favorecer as súas relacións sociais, xa que todo redunda nunha maior calidade de vida”.
Hoxe comezaron os programas para maiores de 55 anos “Ritmo Vital”, con clases de baile, “Equilibrio Vital”, coa práctica de Tai Chi, e “Memoria Viva” con talleres cognitivos. Todas as actividades acadaron un gran éxito de participación. As clases de baile son a novidade deste curso, e súmanse ás clases de Tai Chi e Memoria que se imparten desde hai anos. A modalidade de baile estreouse o pasado verán con clases ao aire libre e tivo unha gran acollida entre o público. “En resposta á demanda dos veciños e veciñas incorporamos o baile tamén ás actividades anuais”, explica a alcaldesa Digna Rivas. O Concello fai así un esforzo “para mellorar a calidade de vida dos nosos maiores”. A rexedora achegouse esta mañá ao pavillón da Marisma onde comezaron as clases de baile para comprobar “o gran éxito que supón esta actividade, cunha excelente resposta por parte das persoas maiores”. Son un total de 120 as veciñas e veciños que participan nesta actividade que se estrea este curso en Redondela e Chapela. No caso do Tai Chi, que comezou esta mañá en Chapela, repite a boa acollida de anos anteriores con 390 participantes entre os pavillóns municipais González Soto e a Marisma, ademais das clases en Saxamonde, Quintela, Cedeira, CCR Chapela, Reboreda, Ventosela-Miñoteira, Saramagoso, Cabeiro, Negros, Cesantes e CC Vilar.
As clases de “Memoria Viva” realízanse en 17 emprazamentos diferentes, con clases en todas as parroquias. Trátase de cursos de estimulación cognitiva para exercitar diferentes áreas cerebrais. O seu obxectivo principal é manter a mente activa, ralentizar o deterioro cognitivo, mellorar a atención e a concentración e fomentar a socialización. Como en anos anteriores conta tamén con moita demanda, con 320 participantes.
Actividades de balde en todas as parroquias
Estas actividades, organizadas pola concellería de Maiores que dirixe Iria Vilaboa, impártense en 16 emprazamentos diferentes por todas as parroquias de Redondela. A alcaldesa sinala a importancia de que estas clases se oferten non só nos núcleos urbanos de Redondela e Chapela, senón tamén nas demais parroquias do municipios “para que todos os veciños e veciñas poidan acceder a estes servizos sen ter que desprazarse”. Todas as actividades son de balde, “para que todas as persoas o que o desexen poida asistir, independentemente da súa situación económica”. A rexedora salientou “a boa acollida destes cursos ano tras ano entre a veciñanza, que son un éxito rotundo”.
A concelleira, Iria Vilaboa, explica que os obradoiros que teñen como obxectivo “previr o deterioro físico e cognitivo das persoas maiores e mellorar a súa calidade de vida”. O número de participantes increméntase cada ano, con máis grupos en todas as parroquias. A valoración que fan os participantes é “moi boa”, xa que estas actividades permítenlles mellorar a nivel físico e mental, e ademais “fomentan as súas relacións sociais e melloran a calidade de vida”.



