A concelleira socialista Marta Abal alertou dunha situación límite nos Centros Socioculturais de Santiago, cun servizo esencial ao bordo do colapso e 70 traballadores sen cobrar, e advertiu de que a falta de reacción da señora Sanmartín contribuíu decisivamente a agravar unha crise con consecuencias sociais e laborais moi graves.
Desde o PSdeG atribúen á señora Sanmartín a responsabilidade polo cambio de modelo na contratación dos Centros Socioculturais, unha decisión política que afastou ás entidades sociais e deixou un servizo xa tensionado nun escenario de bloqueo e incerteza absoluta.
A concelleira socialista Marta Abal alertou da “situación moi grave” que atravesan os Centros Socioculturais de Santiago e reclamou que a señora Sanmartín asuma este conflito “en primeira persoa”, ante o risco real de colapso dun servizo básico para os barrios da cidade.
Segundo explicou Abal, a crise actual non é sobrevida nin allea á responsabilidade política do goberno municipal. “Non se pode deixar que un servizo esencial para os barrios chegue a esta situación límite, con 70 traballadores sen cobrar e cunha incerteza absoluta sobre o futuro inmediato”, sinalou, ao tempo que advertiu de que permitir que a situación se prolongase no tempo evidencia unha falla grave de xestión. “Hai unha responsabilidade política clara en permitir que isto se agrave ata a caída do servizo”, engadiu.
A concelleira socialista puxo o foco no modelo de contratación impulsado polo executivo de Sanmartín, ao considerar que foi clave na degradación grave do servizo. Ao seu xuízo, os pregos aprobados polo Concello “buscaron cambiar o modelo, afastando ás entidades sociais e intentando atraer grandes empresas”, o que acabou tendo consecuencias directas no funcionamento dos Centros Socioculturais. Tal e como explicou, “tentouse redirixir un sistema con lotes reservados a entidades sociais cara a outro pensado para grandes contratistas”, unha decisión que, segundo advertiu, acabou por tensionar aínda máis un servizo xa moi debilitado.
Ao seu xuízo, esa decisión acabou demostrando a súa inviabilidade. “O resultado é evidente, a empresa adxudicataria non quixo asumir un servizo xa tensionado ata o colapso”, afirmou, incidindo en que non se avaliaron adecuadamente as consecuencias dun cambio tan brusco nun servizo sensible e moi vencellado á vida comunitaria dos barrios.
Abal subliñou tamén o impacto social e laboral da crise, lembrando que non se trata só dun problema administrativo. “As consecuencias de xogar frivolamente coas cousas de comer son moi graves”, advertiu, antes de engadir que “aquí falamos de salarios, de familias, de dereitos laborais e tamén da calidade dun servizo público básico”. Neste sentido, acusou ao goberno municipal de non actuar cando aínda estaba a tempo de evitar o escenario actual. “Houbo neglixencia ao non tomar medidas a tempo”, asegurou.
Por todo isto, dende o Grupo Municipal Socialista reclaman unha reacción inmediata por parte da señora Sanmartín. “A alcaldesa ten que dar un paso á fronte, asumir a responsabilidade política e garantir unha solución inmediata e estable para os Centros Socioculturais”, concluíu Marta Abal, insistindo na necesidade de devolver seguridade ao persoal afectado e estabilidade a un servizo clave para a cohesión social da cidade.



