HomeA CoruñaO Concello de Fene remata os traballos de mellora e dixitalización da...

O Concello de Fene remata os traballos de mellora e dixitalización da rede de abastecemento

- Anuncio -spot_img

A actuación permite optimizar a xestión da auga e reducir perdas mediante sistemas de telecontrol

O Concello de Fene vén de dar por rematados os traballos incluídos no proxecto de mellora e equipamento da rede municipal de abastecemento, unha actuación adxudicada por un importe total de 47.835,90 euros e orientada a mellorar a eficiencia do sistema e a reducir as perdas de auga.

Os traballos executados centráronse na mellora de tres instalacións estratéxicas da rede municipal de abastecemento, incorporando sistemas de control e dixitalización que permiten un seguimento continuo e en tempo real do funcionamento do servizo.

No bombeo de Lameiro levouse a cabo a renovación do cadro eléctrico e da aparataxe, unha actuación que permite rexistrar con precisión os caudais e mellorar o control sobre o funcionamento desta instalación. No bombeo e depósito do Catalán realizouse tamén a renovación do cadro eléctrico e da aparataxe, co mesmo obxectivo de facilitar o control e o rexistro dos caudais, contribuíndo a unha xestión máis eficiente da auga distribuída desde este punto da rede.

Pola súa banda, no depósito de Vilar do Colo instalouse un sistema remoto de control que permite coñecer en tempo real o nivel dos depósitos, así como parámetros clave como o cloro, o pH e a temperatura da auga. Ademais, este sistema incorpora a xestión de avisos e o control automático de niveis, mellorando a capacidade de resposta ante posibles incidencias.

Todas estas instalacións quedaron integradas nun sistema de telecontrol tipo Scada, que centraliza a información obtida e facilita a análise dos datos recompilados, permitindo unha resposta máis rápida ante incidencias e unha xestión máis eficiente, moderna e sostible do recurso hídrico municipal.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “esta actuación supón un paso importante na modernización da rede de abastecemento, permitindo anticiparnos a problemas, reducir perdas de auga e mellorar un servizo básico esencial para a veciñanza”. Permuy subliñou tamén que “apostar pola dixitalización e pola eficiencia é clave nun contexto no que a xestión responsable da auga é cada vez máis necesaria”.

Pola súa banda, o concelleiro de urbanismo, Manuel Polo, explicou que “con estes sistemas de control e seguimento en tempo real mellórase de maneira significativa a capacidade de xestión da rede municipal, facilitando a detección temperá de anomalías e optimizando o funcionamento das instalacións”. Engadiu ademais que “son investimentos técnicos, pouco visibles, pero fundamentais para garantir un servizo fiable e duradeiro”.

Desde o Concello de Fene sinalan que este tipo de actuacións forman parte dunha estratexia máis ampla para avanzar na modernización das infraestruturas hidráulicas municipais, mellorando a eficiencia e garantindo un uso máis sostible da auga. Uns traballos que foron realizados con cargo ás axudas de Augas de Galiza con fondos NextGenerationEU.

Publicacións Relacionadas