Os nenos e nenas volverán ser os grandes protagonistas dunha das xornadas do carnaval de Neda, que arrinca este venres co festival de comparsas e concurso de disfraces. Como vén sendo habitual, o martes 17, festivo local, programarase a gran festa infantil de entroido, tras a que chegará a tradicional queima do meco.
A cita gratuíta, á que se convida á rapazada a acudir disfrazada, en compañía das súas nais e pais, desenvolverase no polideportivo municipal Ale de Paz, entre as 17 e as 19 horas. A oferta de lecer incluirá inchables, animación e obradoiros de maquillaxe e de creación de chapas.
Deseguido, a partir das 19:15 horas, iniciarase o pasarrúas, animado por Retumbatuke Percusión, dende o pavillón ata Os Subarreiros. E neste punto, tras a lectura do testamento terá lugar a queima do meco, que volverá ser creación do artista local Carlos García.
A modo de epílogo do carnaval chegarán as dúas citas gastronómicas programadas polo Concello. A merenda dos maiores de Neda, prevista para o venres 20, no centro cívico, e o gran Cocido interxeracional do Entroido, que se celebrará no pavillón municipal o domingo 22. O prazo para inscribirse nestas actividade está aberto na oficina dos Servizos Sociais.



