HomePontevedraBaixo MiñoNo Rosal os venres saben a xogo, diversión e encontro

No Rosal os venres saben a xogo, diversión e encontro

- Anuncio -spot_img

Os Venres Rebuldeiros consolídanse como un espazo familiar de referencia tras 18 xornadas con centos de participantes

O Rosal transforma a súa biblioteca nun punto de encontro onde a infancia, as familias e a creatividade se dan a man. Dende hai meses, o programa Venres Rebuldeiros converteu moitas tardes do municipio nun tempo para parar, xogar, aprender e compartir, facendo da cultura e do lecer educativo unha experiencia colectiva que xa chegou a centos de nenos e nenas.

Dirixido a toda a familia, os Venres Rebuldeiros suman xa 18 xornadas nas que centos de nenos e nenas desfrutaron con contacontos, obradoiros creativos, actividades musicais e xogo libre. Máis alá das propostas concretas, o programa consolidouse como un espazo de encontro para as familias do Rosal, onde a infancia medra xogando, creando vínculos e descubrindo o mundo nun ambiente próximo e acolledor.

A última sesión correu a cargo de LiliEscuela, que puxo música ao inverno cunha proposta pensada especialmente para os máis pequenos e pequenas da casa. A actividade encheuse de sons, ritmos e emocións compartidas, con familias cantando, tocando e experimentando xuntas, demostrando unha vez máis o valor da música como ferramenta de aprendizaxe e conexión emocional dende os primeiros anos de vida.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “os Venres Rebuldeiros amosan que apostar pola infancia e polas familias é apostar polo futuro do noso concello. Estes encontros crean comunidade, fortalecen vínculos e ofrecen á rapazada espazos onde medrar de maneira saudable e feliz”. A rexedora subliñou tamén que “ver como centos de nenos e nenas xa participaron no programa é a mellor proba de que este tipo de iniciativas responden a unha necesidade real da veciñanza”.

Publicacións Relacionadas