HomeTabeirósA EstradaO BNG da Estrada denuncia o "cinismo" do PP: "Queren a Castelao...

O BNG da Estrada denuncia o “cinismo” do PP: “Queren a Castelao mudo e de pedra na Estrada mentres vetan o seu legado no Parlamento”

- Anuncio -spot_img

Xoán Reices celebra a instalación da estatua da familia de Castelao na Praza da Farola, pero cualifica de “cinismo histórico, presentando como propia unha proposta que levou o BNG a pleno e que o PP rexeitou”

A formación nacionalista acusa ao alcalde e ao PP de querer “baleirar de contido político” ao Pai da Patria Galega para convertelo nun simple obxecto decorativo.

O BNG da Estrada, a través do seu voceiro municipal Xoán Reices, saúda a iniciativa de erixir un conxunto escultórico en homenaxe á familia de Castelao na Praza da Farola. Porén, os nacionalistas non pasaron por alto o que consideran a actitude “cínica sen precedentes” por parte do alcalde e do PP, “xa que esa era unha proposta do BNG que figuraba nunha moción que o PP rexeitou e que agora presentan como idea propia”. “Con todo”, engadiu Reices, “alegrámonos de que polo menos fagan algo”.

Sen embargo, esta reacción prodúcese tras o recente voto negativo do PP no Parlamento Galego á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que buscaba garantir o dereito ao coñecemento e á contemplación da obra de Castelao. Un veto que a portavoz municipal do BNG, Xoán Reices, cualificou de “ataque ao patrimonio máis emblemático do noso pobo” e que demostra que para o PP, Castelao segue a ser unha “figura incómoda”.

“Estatuas para a foto, vetos para a cultura”

O voceiro do BNG na Estrada, Xoán Reices, foi tallante ao comparar a política local do PP coa súa actitude en Santiago: “O alcalde quere poñer unha estatua de Castelao na Praza da Farola porque sabe que a figura de Virxinia Pereira e de Daniel é patrimonio sentimental de todos os estradenses. Pero mentres aquí se presumen de iniciativas que non son súas, os seus xefes en Santiago botan o fecho ao acceso público á súa obra e ao seu pensamento”.

Para Reices, este comportamento responde a unha estratexia de “descafeinar” a figura do autor de Sempre en Galiza. “O PP acepta un Castelao mudo, de pedra e inmóbil, pero teme ao Castelao nacionalista, republicano e pacifista. Votan en contra de que a xente nova coñeza a súa obra porque o seu legado desmonta as políticas de submisión do Partido Popular”, denunciou o voceiro.

O BNG coa memoria viva

O BNG da Estrada recalca que unha homenaxe real a Castelao non pode limitarse a monumentos físicos se non vai acompañada dun compromiso firme pola difusión do seu pensamento e a protección do seu patrimonio artístico, hoxe en mans privadas ou de difícil acceso.

 “Dende o BNG da Estrada seguiremos apoiando que se honre a Castelao nas nosas rúas, pero non imos permitir que o PP use a nosa vila como un decorado para branquear o seu desprezo pola nosa identidade nacional no Parlamento de Galiza”, concluíu Reices. A formación nacionalista esixe ao goberno local que se posicione: “Ou están coa cultura galega e o dereito a coñecer a Castelao, ou están co veto e a censura do seu propio partido”.

Publicacións Relacionadas