O desfile sairá o domingo 15 de febreiro dende a Rotonda da Feira para percorrer Xulio Sesto e Ramón Franco. En caso de choiva adiarase
As comisións de festas de Novás e Fornelos preparan tamén un carnaval cheo de actividades para todos os públicos
O Rosal quenta motores para un dos eventos máis agardados do ano, o Entroido, unha festa que promete encher as rúas do municipio con cor, música e animación. O vindeiro domingo 15 de febreiro a partir das 11.00 horas case 1.100 persoas participarán no tradicional desfile que sairá dende a Rotonda da Feira para percorrer as rúas Xulio Sesto e Ramón Franco ata o cruce coa Lomba. En caso de choiva, o desfile adiarase de día.
Se o tempo da unha tregua, as rúas rosaleiras vivirán un ambiente festivo que mesturará a esencia do entroido máis clásico e a creatividade máis innovadora nas diferentes modalidades que forman parte do concurso de disfraces: 11 participantes na modalidade carroza, dous na de entroido tradicional, 3 na categoría de grupo e 9 na individual, 7 en xuvenil e adultos e 2 en infantil. O xurado valorará a vestimenta, complementos e a escenificación das comparsas e carrozas para o reparto dos máis de 3.600 euros en premios.
“O Entroido no Rosal é moito máis que un simple desfile, é unha auténtica explosión de imaxinación e tradición que enche de vida as nosas rúas”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que anima a toda a veciñanza a participar como público e desfrutar desta vibrante actividade.
Medidas de tráfico
Como ven sendo habitual, para a correcta celebración do Entroido a Policía Local procederá a pechar o domingo ata o remate do desfile as rúas Campo da Feira dende a altura do cemiterio ata a Rotonda da Feira, da rúa Xulio Sesto e da rúa Ramón Franco, un corte que afectará á circulación do resto das rúas confluíntes. Ademais, as rúas Simón do Mazo e Cabaqueiros pasarán a ter dobre sentido de circulación e serán de uso exclusivo para acceso de residentes.
Entroido nos barrios
O Entroido do Rosal non se limita só ao desfile, xa que as comisións de festas de Novás e Fornelos tamén se preparan para celebrar o carnaval cunha morea de actividades para todas as idades e públicos coas que como cada ano tamén colabora o Concello.
Fornelos prepara catro días de música e actividades. A festa comezará xa o sábado 14 coa actuación de DJ Sallem para continuar o domingo 15 pola tarde dende as 18.00 horas coa actuación da Agrupación Musical do Rosal e, a partir das 21.00 horas, gran verbena coa orquestra Compostela e o grupo Fuxsión Latina. O luns 16 a xornada comezará ás 16.00 h coa tradicional Corrida do Galo na praza de Fornelos e a actuación a partir das 21.00 h das orquestras La Travesía e La Fórmula antes do peche de festa con DJ Sallem. O martes 17 o Carnaval rematará coa tradicional Frixidela a partir das 16.30 horas e animación do trío Ángel América.
Pola súa banda, en Novás a programación de Entroido arranca tamén o domingo 15 coa tradicional subida do maio ás 16.30 horas, seguida da música da murga Airiños do Cereixo, inchable, xogos populares, inchables e chocolate con rosca para todo o público. O luns 16 a partir das 16.30 horas será a Gran Corrida do Galo, con toro mecánico na praza ao rematar, e o martes 17 porase fin ás festas coa tradicional Frixidela con pan de millo e viño amenizada pola música de Roberto Caco a partir das 18.00 horas.



