HomePontevedraBaixo MiñoTomiño impulsa o comercio local a través da formación

Tomiño impulsa o comercio local a través da formación

- Anuncio -spot_img

Concello e ADETO colaboran nun ambicioso programa formativo adaptado ás necesidades das empresas tomiñesas

O Concello de Tomiño e ADETO colaboran para impulsar o Plan Formativo 2026 dirixido a empresas do municipio, un programa deseñado para reforzar á competitividade dos negocios tomiñeses, potenciar as súas fortalezas e acompañalos na súa adaptación aos retos dunha sociedade en continua evolución.

O itinerario formativo, elaborado en colaboración a Informática San Benito, desenvolverase ao longo de todo o ano e abordará cuestións clave para o pequeno comercio e os negocios locais como o escaparatismo estratéxico, a mellora da rentabilidade, o liderado empresarial ou a aplicación práctica da intelixencia artificial no día a día dos establecementos.

Concello e ADETO destacaron que “apostar pola formación é apostar polo futuro do noso comercio. Queremos que as empresas locais teñan ferramentas reais para innovar, adaptarse e medrar nun contexto cada vez máis competitivo”. “O comercio de proximidade é esencial para manter vivo o noso concello, por iso é fundamental por en marcha accións útiles e adaptadas ás súas necesidades e inquedanzas, ofrecendo formación práctica, aplicable e actualizada. O obxectivo é que cada negocio poida mellorar a súa xestión e gañar en competitividade sen perder a súa esencia”, recaldaron.

As prazas para participar no itinerario formativo son limitadas e asignaranse por rigorosa orde de inscrición. As persoas interesadas poden reservar a súa praza contactando con ADETO a través do correo electrónico info@adeto.es. As clases dos diferentes cursos impartiranse no Espazo Isaura Gómez en horario de tarde, os xoves de 15.00 a 17.00 horas.

Este proxecto está cofinanciado por ADETO, a través da orde CO300A da Xunta de Galicia para dinamizar o comercio galego, e o propio Concello de Tomiño. Unha colaboración que reafirma o compromiso compartido por fortalecer o tecido comercial da vila e situar ás empresas locais nunha posición estratéxica fronte aos desafíos actuais e de futuro.

Publicacións Relacionadas