A sala municipal de exposicións acollerá “Dende Rosalía”, un percorrido pola historia literaria de Galicia da man das súas grandes creadoras
A sala municipal de exposicións de Brión acollerá mañá xoves 12 de febreiro, ás 18:00 horas, unha actividade de dinamización dirixida a toda a familia: “Dende Rosalía”, da man do grupo A Xanela do Maxín. Un espectáculo que abrirá o programa especial de actividades deseñado polo Concello de Brión para conmemorar o Mes de Rosalía e que incluirá outras seis iniciativas que se desenvolverán durante a próxima semana.
“Dende Rosalía” é unha combinación de teatro, poesía, música e pequenas sorpresas escénicas coas que A Xanela do Maxín presentará un percorrido emocionante pola historia literaria de Galicia de grandes escritoras como propia Rosalía, mulleres que non só fixeron historia senón que continúan inspirando ás xeracións máis novas. A entrada é libre e de balde ata completar a capacidade da sala.
Experiencias artísticas e musicais
O Mes de Rosalía terá continuidade o próximo venres 20 de febreiro cunha nova sesión de actividades de divulgación cultural “Brión, unha historia que contar”. Nesta ocasión, e baixo a denominación “O sentir universal en Rosalía”, o centro social polivalente acollerá unha experiencia artística na que participarán a actriz Chiruca Tarrío, como Rosalía de Castro; o músico e escritor Francisco Castro; e o grupo Teatro das Maniotas do IES de Brión.
Unha actividade organizada polo Concello de Brión, en colaboración con Latexos de Turismo, que terá lugar o venres 20 de febreiro, ás 20:30 horas, no auditorio do centro social polivalente. Entrada libre e de balde ata completar o aforo da sala.
Un día despois, o sábado 21 de febreiro ás 20:00 horas, o centro social polivalente acollerá o espectáculo “Rosalía de Castro, como cor de ouro pálido”, unha viaxe a través da imaxe, o son e a palabra inspiradas na poesía rosaliana. Un espectáculo protagonizado por Rafa Fernández (guitarra / composición), Tamara Andrés (voz) e Miguel G. Orive (videocreación). Entrada libre e gratuíta acta completar a capacidade do salón de actos.
Día de Rosalía
Para o Día de Rosalía, luns 23 de febreiro, o Concello de Brion ten programadas diversas actividades, cun acto central de homenaxe ás 12:00 horas na Igrexa de San Xiao de Bastavales. O acto, que está aberto á participación libre da veciñanza, abrirase cun tradicional toque de campás, seguido da Ofrenda Floral do Concello de Brión a Rosalía de Castro no exterior da igrexa. Un acto presidido polo alcalde de Brión, Pablo Lago, e a concelleira de Cultura, Sandy Cebral, que darán paso a unha serie de lecturas de poemas e escritos do alumnado dos centros educativos brioneses.
A maiores, durante a xornada terá lugar unha nova edición do Caldo de Gloria e do Café con verso en diferentes establecementos hostaleiros de Brión. Dúas iniciativas que inclúen a degustación da receita rosaliana do Caldo de Gloria, así como a entrega dun poema de Rosalía de Castro con cada café que se consuma no establecemento.
A programación especial do Mes de Rosalía pecharase o venres 27 de febreiro co espectáculo “De nome, Rosalía”, do Grupo Ouriol, formado por Eva Veiga, Bernardo Martínez, Fito Ares e Alfonso Costa. Trátase dun espectáculo dedicado á poesía de Rosalía de Castro, especialmente á recollida en Cantares Gallegos e Follas Novas. Será no centro social polivalente o venres 27 de febreiro, ás 20:30 horas. Entrada de balde ata completar aforo.



