O Concello realizou unha consulta entre os e as vendedoras e máis do 90% coincidiu á hora de elixir que os postos estean abertos ao público
O mercado conta con preto de medio cento de postos e é un dos de maior tradición da provincia de Pontevedra, cuns 150 anos de historia
O Concello de Caldas de Reis informa de que o vindeiro luns de Entroido (16 de febreiro), pese a ser festivo local estará operativo o mercado semanal. Así o confirmou o alcalde, Jacobo Pérez, logo de manter un encontro cos vendedores e vendedoras do devandito mercado para tratar esta cuestión. “Fixemos unha consulta para saber se os e as profesionais querían que o mercado se organizase igualmente, pese a ser día festivo, e máis do 90% quixeron que se traballase ese día, polo que damos cumprimento á súa demanda”, indicou Pérez Gulín. Deste xeito, os postos estarán operativos no seu horario habitual no casco urbano, entre as 8.00 e as 15.00 horas aproximadamente.
O rexedor quixo poñer en valor a importancia que ten o mercado semanal de Caldas de Reis como motor dinamizador da vila, desde o punto de vista económico e social. “Ademais de atraer a veciños e veciñas doutros concellos da bisbarra, tamén serve para dar un pulo á actividade de comercios locais, así como para a nosa hostalería”, sinalou o alcalde caldense, que tamén destacou o esforzo que fan os e as vendedoras nun ano coma este, tan condicionado polas adversas condicións meteorolóxicas.
O mercado semanal de Caldas de Reis é un dos que conta con maior tradición e antigüidade na provincia de Pontevedra. A actividade comezou a celebrarse a finais do século XIX, polo que son xa practicamente 150 anos desenvolvéndose de xeito periódico. A día de hoxe son preto de medio cento os postos que se poden atopar nas rúas do casco urbano durante os luns. Unha das súas características principais é a gran variedade de produtos que se ofertan, incluídas pezas de roupa, calzado, alimentación, froita, plantas ou elementos vencellados co lecer, como libros. Tal e como recorad Jacobo Pérez, o mercado sitúase nas inmediacións da Praza de Abastos, que está operativa de luns a venres polas mañás, polo que “tamén é un complemento perfecto”. O feito de que os postos se empracen en pleno Camiño Portugués axuda a que cada luns entre os postos se poidan atopar a numerosos peregrinos, que fan un alto na súa ruta cara Santiago de Compostela en Caldas de Reis.



