A fronte nacionalista formula dez emendas ao proxecto de nova ordenanza municipal de tramitación de licenzas para reforzar as garantías e o control público
Propoñen limitar o uso de declaracións responsábeis e comunicacións previas, manter controis chave, reforzar a inspección, e incorporar máis mecanismos de transparencia e participación cidadá
Xabier P. Igrexas: “Vigo xa ten demasiados exemplos de desorde urbanística como para permitir novos riscos, o tempo do urbanismo á carta ten que rematar”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo expresou hoxe a súa valoración diante do proxecto de nova ordenanza municipal de tramitación de licenzas urbanísticas, trasladando o seu rexeitamento a que a nova norma se traduza nunha “desregulación encuberta ou nun debilitamento das garantías urbanísticas”.
Así o sinalou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen afirmando compartir a necesidade de axilizar procedementos administrativos e reducir demoras, alertou de que “non podemos aceptar a pretensión do Goberno de Abel Caballero de impoñer unha barra libre exprés na tramitación de licenzas e autorizacións urbanísticas”.
A proposta do Goberno municipal aposta, segundo explican desde o Bloque, nun modelo baseado nas declaracións responsábeis e nas comunicacións previas, con procedementos moito máis laxos que as licenzas, e trasladando á posterior inspección o que debe ser unha función pública de control previo. “A solución ao colapso non é reducir controis, senón reforzar os medios humanos e técnicos da Xerencia de Urbanismo, que leva anos padecendo unha clara insuficiencia de persoal”, remarcou Igrexas.
Con ese obxectivo a fronte nacionalista rexistrou 10 emendas parciais para lograr unha ordenanza útil, moderna e eficaz, pero tamén rigorosa. “Axilizar si, pero con garantías. Simplificar si, pero sen desprotexer a cidade”, resumiu Igrexas, sinalando que non van aceptar que e pretenda vender como gran avance o que pode acabar sendo un paso atrás no control democrático e na defensa do interese xeral nun ámbito tan importante para a cidade e tan goloso para a especulación privada como é o desenvolvemento urbanístico.
“Vigo xa ten demasiados exemplos de desorde urbanística como para permitir novos riscos, o tempo do urbanismo á carta ten que rematar” remachou o portavoz municipal nacionalista.
Emendas
As emendas do BNG á nova ordenanza de tramitación de licenzas urbanísticas buscan garantir que a axilización administrativa non supoña menos control público nin menos protección do territorio.
En primeiro lugar, propoñen limitar o uso da declaración responsábel e da comunicación previa. Quedarían excluídas actuacións que afecten á estrutura dos edificios, a inmóbeis protexidos, a espazos públicos, a solo rústico ou a ámbitos con especial sensibilidade ambiental ou patrimonial. O obxectivo, explica a fronte nacionalista, é evitar que intervencións de impacto relevante se executen sen un control previo rigoroso. Tamén se defende manter a licenza obrigatoria para a primeira ocupación das vivendas, como garantía de seguridade, accesibilidade e cumprimento da normativa antes de que unha edificación poida ser habitada.
Outro bloque de emendas reforza o papel dos servizos técnicos municipais. As certificacións privadas non poderán substituír nin limitar a función pública de inspección, e establécese que o silencio administrativo nunca poderá xerar dereitos contrarios á legalidade urbanística limitando os seus efectos positivos.
Ademais, vincúlase o sistema de control posterior á necesidade de reforzar con medios suficientes de inspección a Xerencia de Urbanismo, cunha avaliación anual das necesidades de persoal e recursos.
Aliás, unha parte importante das propostas do BNG céntrase na transparencia e na participación cidadá. Proponse crear un novo título específico na ordenanza para garantir información pública periódica sobre licenzas, declaracións responsábeis, inspeccións e infraccións; elaborar un informe anual que se eleve ao Pleno; publicar datos en formato accesíbel; habilitar canles para que a veciñanza poida presentar alertas; e constituír un Consello Sectorial de Urbanismo.
Finalmente, inclúese unha disposición que fixa como principios reitores a precaución, a transparencia, o control democrático e a defensa do interese público xeral, para que a simplificación administrativa non derive nunha desprotección da cidade.



