– Trump representa “o desprezo aos dereitos humanos máis básicos” sinala aa alcaldesa Digna Rivas. As cruentas redadas do ICE, o racismo institucionalizado, a intención de anexionar Groenlandia e o seu papel no do xenocidio en Gaza representan“o desprezo aos dereitos humanos máis básicos”. O Meco lémbranos que o auxe da ultradereita en todo o mundo é unha ameaza para a democracia e a igualdade.
– A Queima do Meco será o Martes de Entroido, día 17, ás 19.00 horas. O espectáculo “Hexagonum”, de Troula Animación, ofrecerá marionetas xigantes, proxeccións audiovisuais, pirotecnia e lume. A festa continuará pola noite co concerto da Mekánica Rolling Band ás 20.30 horas na praza da Constitución.
O Entroido de Redondela, fiel á súa tradición de sátira social, instalou este mediodía na praza do Concello o Meco 2026. A figura representa ao presidente dos EUA, Donald Trump, montado nun mísil nuclear. Cun forte matiz crítico, a vila redondelá sinala ao mandatario estadounidense como máximo expoñente da extrema dereita e o fascismo moderno, denunciando o impacto devastador das súas políticas tanto a nivel interno como internacional.
Contra o racismo e a persecución de inmigrantes
O Concello xustifica esta elección como un acto de repulsa ante as cruentas redadas do ICE e a sistemática persecución da poboación inmigrante baixo a administración Trump. A memoria das vítimas de Minneapolis e a persistencia do racismo institucionalizado son eixos centrais dunha queima que busca purificar, a través do lume, o odio sementado polas políticas supremacistas. A nota crítica esténdese á política internacional de Washington. Redondela alza a voz contra o que cualifica como un “imperialismo sen complexos”, exemplificado na intención de Trump de anexionar Groenlandia e o seu papel determinante no mantemento do xenocidio en Gaza. Para o Entroido de Redondela, este Meco representa “o desprezo aos dereitos humanos máis básicos”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. “Queimar a figura de Trump é queimar o fascismo, a xenofobia e a guerra. É unha aposta simbólica por un mundo onde a vida estea por riba dos intereses xeopolíticos”. O Meco, obra do artista local Rubén Casal, representa a Donald Trump montado nun misil.
A tradicional queima será o Martes de Entroido, o día 17, ás 19.00 horas, na praza do Concello. “Hexagonum”, de Troula Animación, será o espectáculo que dea paso ao lume con pasarrúas de marionetas xigantes, proxeccións audiovisuais, pirotecnia e lume. A festa continuará pola noite co concerto da Mekánica Rolling Band, unha das agrupacións máis festivas de Galicia e coñecida pola súa explosiva mestura de ritmos populares, punk brass e interacción co público. Desde as 20.30 horas na praza da Constitución.



