HomePontevedraO Condado11 millóns para cambiar Ponteareas: biblioteca, centros de día e reurbanización en...

11 millóns para cambiar Ponteareas: biblioteca, centros de día e reurbanización en marcha

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas participou no pleno convocado pola presidencia da RIU (Red de Iniciativas Urbanas) para abordar a execución dos proxectos do Plan de Acción Integrado (PAI) que contarán co apoio , dos fondos FEDER e orientados ao desenvolvemento urbano sostible.

Ponteareas acadou o maior investimento da súa historia a través destes fondos europeos, cun total de 11 millóns de euros destinados a proxectos que transformarán o presente e o futuro do municipio. Trátase dunha aposta decidida pola modernización, a creación de novos servizos e o impulso de infraestruturas que darán resposta a necesidades reais da veciñanza.

Este importante respaldo económico supón tamén un recoñecemento á capacidade de planificación do Concello. Ponteareas acadou a confianza dos fondos europeos grazas á presentación de proxectos sólidos, ben deseñados e cunha visión estratéxica de futuro.

Entre as actuacións máis destacadas atópase a creación dunha gran biblioteca municipail con máis de 2.500 metros cadrados, concibido para cultivar as letras e o pensamento, que contará con biblioteca, salas de estudo e reunión e espazos polivalentes destinados á reflexión e á actividade cultural.

O PAI tamén contempla a reurbanización da Praza Bugallal, cun investimento superior aos 900.000 euros.

No ámbito social, crearase un centro de día en Guláns e outro en Xinzo, facilitando que as veciñas e veciños poidan envellecer na súa contorna, preto das súas familias e redes de apoio. Ademais, as parroquias de Padróns e Pías contarán cunha nova casa cultural, ampliando os servizos comunitarios no rural.

O plan inclúe tamén actuacións innovadoras como a domotización de fogares de persoas maiores que viven soas no rural, mellorando a súa seguridade, autonomía e calidade de vida.

Estes investimentos suporán un salto cualitativo para Ponteareas, tanto pola modernización das infraestruturas como pola creación de novos servizos e estruturas sociais que fortalecen a cohesión territorial e social do municipio.

Desde o Concello sublíñase a importancia de conseguir fondos europeos para facer realidade proxectos estratéxicos que doutro xeito serían inasumibles para as arcas municipais. A consecución destes recursos é froito dunha xestión diaria rigorosa, do traballo coordinado con profesionais e expertos e dunha planificación que deseña o futuro cunha perspectiva ampla e sostible.

O éxito desta convocatoria foi posible grazas a contar previamente cunha folla de ruta clara, como a Infraestrutura Verde e o PAI (Plan de Acción Integrado), que marcaron as liñas de crecemento e transformación do municipio e permitiron presentar propostas coherentes, maduras e aliñadas cos obxectivos europeos.

Publicacións Relacionadas