A Xunta de Goberno aprobou achegas en cooperación municipal para actuacións en Allariz, Verín, O Barco de Valdeorras, Muíños, Bande e Coles
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense vén de aprobar, na súa sesión ordinaria desta mañá, un conxunto de achegas económicas destinadas a reforzar infraestruturas municipais e servizos básicos en distintos puntos da provincia, cun investimento total de 288.093,57 euros.
Estas actuacións enmárcanse na liña estratéxica de cooperación municipal que desenvolve a institución provincial, orientada a garantir servizos de calidade, mellorar a seguridade e accesibilidade dos espazos públicos e fortalecer os equipamentos culturais e as infraestruturas básicas no conxunto do territorio.
Estas actuacións, por municipios, sitúanse en Allariz, con 99.973,64 euros para a adquisición dunha finca e o acondicionamento dos seus accesos, contribuíndo á mellora da conectividade e funcionalidade do espazo. En Verín concédense 80.000 euros para a segunda fase das obras de ampliación de beirarrúas na rúa Luis Espada, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e a mobilidade peonil. Ao Concello de O Barco de Valdeorras asígnanselle 44.535,73 euros destinados á subministración e instalación de 265 novas butacas no Teatro Lauro Olmo, incluíndo repostos de asento e respaldo, mellorando as condicións dun espazo cultural de referencia na comarca.
O Concello de Muíños obterá 40.000,00 € para a instalación de alumeado público na senda peonil que conecta Mugueimes, Abelleira e Rabeca, favorecendo unha mobilidade máis segura entre núcleos.
O Concello de Bande obterá tres achegas que suman 15.998,89 euros para actuacións en infraestruturas básicas: 5.998,89 euros para a mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR); 5.000 euros para o acondicionamento da cumbrera na Casa de O Baño, e 5.000 euros para a mellora de camiños no núcleo de Pereira.
Por último, o Concello de Coles recibirá 7.585,31 euros para traballos de reparación e asfaltado de pistas nas localidades de Cambeo e San Lourenzo.
Compromiso coa cooperación municipal
A Deputación de Ourense reafirma así o seu compromiso coa colaboración constante cos concellos da provincia, impulsando investimentos que permiten avanzar na modernización das infraestruturas locais, reforzar os servizos esenciais e contribuír á cohesión territorial.
A través destas achegas, a institución provincial continúa a traballar para garantir igualdade de oportunidades entre municipios, especialmente no ámbito rural, promovendo actuacións que teñen un impacto directo na calidade de vida da veciñanza.



