HomeOurenseO Tribunal de Contratación falla a favor do Concello, que poderá reactivar...

O Tribunal de Contratación falla a favor do Concello, que poderá reactivar o concurso para adxudicar o servizo de limpeza urbana e recollida de lixo

- Anuncio -spot_img

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) desestimou o recurso interposto pola empresa FCC Medio Ambiente relativo á licitación do contrato do servizo de recollida de residuos e limpeza urbana do Concello de Ourense. A resolución ditada permite que o procedemento de contratación siga adiante, tras quedar sen efecto a medida cautelar de suspensión do proceso que motivara o dito recurso.

O contrato, cunha vixencia de 10 anos, conta cun orzamento de licitación total de 147 millóns de euros (máis IVE). O pasado 12 de xaneiro realizouse a apertura das ofertas económicas das catro unións temporais de empresas (UTE) presentadas. A proposta con mellor puntuación, tanto no apartado técnico como no económico, é a da UTE SA de Obras y Servicios, COPASA — Setec Building SLU, cun importe anual de 13.839.013,55 € (máis IVE), o que representa unha baixa do 6,15 %. O proceso encara así a súa recta final cara á adxudicación definitiva.

Resolución do TACGal

A empresa FCC Medio Ambiente foi excluída do procedemento por non presentar correctamente a totalidade da documentación esixida na licitación. Aínda que a compañía presentou un recurso ante o TACGal, alegando que se trataba dun “erro emendable”, o tribunal subliña que nun procedemento de concorrencia competitiva “as normas esenciais de apertura das ofertas e a propia configuración básica do propio proceso en diferentes fases independentes non se poden obviar”.

A resolución entende que o que pretende o recorrente “é que a propia licitación se adecúe aos seus intereses individuais, de tal xeito que se lle permita, de forma extemporánea e allea ao propio sistema de presentación de ofertas, achegar a práctica totalidade da súa proposta técnica”.

O tribunal cualifica esta pretensión como a dun “procedemento de licitación ad hoc, alleo ao establecido na propia LCSP, e en prexuízo evidente do resto de licitadores, e motivado única e exclusivamente pola súa falta de dilixencia na conformación da súa oferta, incumprindo unhas regras fixadas con claridade nos pregos da licitación”, polo que desestima o recurso e levanta a suspensión.

Publicacións Relacionadas