Lucía Santos denuncia que o estado actual dos viais supón “un risco evidente” e evidencia unha falta de planificación no mantemento da rede viaria. A formación reclama unha avaliación técnica completa do estado do firme e a posta en marcha dun plan integral de actuación con prioridades claras
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) levou ao pleno municipal do pasado xoves 12 de febreiro a situación do estado dos viais en Marín, denunciando o “deterioro xeneralizado” en numerosas rúas e estradas do concello. A formación reclamou ao goberno local do PP que afronte esta problemática de maneira seria e planificada.
Segundo advertiu a Voceira do BNG, Lucía Santos, son múltiples as vías en mal estado, independentemente da súa titularidade -estatal, autonómica, provincial ou municipal-, polo que considera que o executivo local “non pode mirar para outro lado” ante unha situación que afecta á seguridade viaria e ao día a día da veciñanza.
Santos, puxo como exemplo rúas recentemente asfaltadas como Concepción Arenal, a avenida de Ourense ou a rúa do Forte, onde — segundo sinalou — xa se detectan fochancas e deformacións. A formación cualifica de “inaceptable” que investimentos públicos recentes presenten deficiencias de maneira case inmediata e reclama revisar tanto a execución das obras como os controis realizados.
A Portavoz nacionalista tamén se referiu á situación doutras vías nas que se están a executar obras, como a rúa do Forte, unha das principais saídas de Marín, que presenta numerosas fochancas. Especialmente preocupante consideran o estado da avenida Jaime Janer, que describen como “practicamente intransitable” debido ao paso continuado de maquinaria pesada nas obras da Lameira.
O listado de vías afectadas inclúe tamén Ezequiel Massoni, Recamán, Vidal Pazos, Tiro Naval, Méndez Núñez e José del Río, así como estradas das parroquias como a estrada do Campo, Sete Espadas, a estrada do Grupo en Seixo, As Abexadas, a PO-313 e a súa conexión coa Moreira. Sobre esta última, lembran que xa reclamaran a súa mellora hai máis dun ano sen que se adoptasen solucións efectivas.
Para o BNG, o estado actual dos viais supón un risco evidente e evidencia unha falta de planificación no mantemento da rede viaria. A formación reclama unha avaliación técnica completa do estado do firme e a posta en marcha dun plan integral de actuación con prioridades claras e calendario definido.



