eclama consenso e participación social nun documento que “chega con 14 anos de atraso” e do que non se facilitou a avaliación do plan anterior
Ana Martínez: “Queremos que sexa un plan de cidade, no só do grupo de goberno”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo solicitou hoxe a retirada da proposta de V Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes presentado pola Concellería de Igualdade en comisión informativa, co obxectivo de que sexa debatido previamente no Consello Municipal da Muller antes da súa elevación ao Pleno. Con ese obxectivo, ante a negativa do Goberno, a fronte nacionalista rexistrará e defenderá na vindeira sesión plenaria unha emenda de devolución.
A concelleira nacionalista, Ana Martínez, advertiu de que se trata dun plan que “chega con 14 anos de atraso”, xa que o anterior venceu en 2012. “Non foi presentado, nin consensuado, nin ditaminado polo Consello Municipal da Muller, como si acontecera co plan anterior”, lembrou.
Martínez subliñou que un documento chamado a orientar as políticas de igualdade dos vindeiros cinco anos “debería contar co máximo consenso e coa participación social”, e recalcou que precisamente para iso existe o Consello Municipal da Muller, no que están representadas asociacións de mulleres, colectivos feministas e sindicatos
.
“A día de hoxe descoñecen o contido do plan”, denunciou a edil do BNG, quen tamén alertou de que nin o seu grupo municipal nin as membros do Consello tiveron acceso ao informe de avaliación do plan anterior. “É unha ferramenta indispensábel, que segundo consta foi elaborada na primeira fase do novo plan, pero non está incorporada ao expediente”, explicou.
Para o BNG, o Consello Municipal da Muller debe poder debater o texto e formular achegas antes da súa aprobación. “Queremos que sexa un plan de cidade, non só un plan do Goberno municipal”, afirmou Martínez, quen criticou que o executivo local “goberne de costas á cidadanía” e evite a participación social que si estivo presente no anterior plan.
A fronte nacionalista defende que a igualdade require planificación rigorosa, avaliación transparente e implicación real do tecido social, e non pode quedar reducida a un trámite formal sen diálogo nin consenso.



