A choiva, aliada inesperada dunha tradición ancestral que reafirma a hospitalidade como sinal de identidade desta festa
A segunda xornada do Entroido estivo marcada pola choiva, que lonxe de deslucir a celebración, converteuse nunha oportunidade para recuperar unha das tradicións máis antigas e emotivas: a entrada da comitiva nos fogares da veciñanza. Ao non poder bailar nos camiños, madamas, galáns e músicos atoparon acubillo nas casas de Cobres, onde foron recibidos con mesas preparadas, adegas abertas e unha hospitalidade que forma parte esencial da identidade desta festa.
Este costume, que se mantén vivo en moitos fogares, transforma o percorrido nun encontro íntimo e humano. A conversa pausada, as risas compartidas e o calor das cociñas convertéronse no verdadeiro corazón da xornada, lembrando que o Entroido é, sobre todo, unha celebración comunitaria que se tece porta a porta.
Un percorrido que une á veciñanza
Antiguamente a comitiva anunciaba cada saída con foguetes, avisando á parroquia da súa chegada. Casa por casa, pedían as achegas para a festa, e en cada fogar que colaboraba, madamas e galáns ofrecían bailes en sinal de agradecemento. A duración da danza e o número de foguetes dependían da contía do donativo, convertendo cada parada nun pequeno acto de reciprocidade e celebración compartida.
A previsión de choiva para esta segunda xornada de Entroido favoreceu que moitas familias, como vén sendo tradición, tiveran preparado un refrixerio para facer máis levadeiro o longo percorrido das persoas que acompañan a comitiva. Ese xesto, repetido ano tras ano, é unha das razóns polas que o Entroido de Cobres conserva unha forza tan especial: porque non se vive só na rúa, senón tamén dentro das casas, onde se transmiten historias, afectos e lembranzas.
Pola tarde, baile na carpa e verbena
Madamas e galáns bailán sen dúbida pola tarde, a partir das 19 horas na carpa situada en Riomaior, acompañados polo grupo de Veteranas e Veteranos do Entroido. E trala súa actuación a festa continuará coa verbena da noite, un encontro festivo que reúne á veciñanza e visitantes nun ambiente cheo de música, ledicia e reencontros. A actuación de Son das Tabernas porá banda sonora a unha noite na que o espírito do Entroido seguirá moi vivo, prolongando a celebración máis alá dos camiños e dos fogares. Baixo as luces da festa, madamas, galáns e acompañantes mesturanse co público nun baile colectivo que reafirma, unha vez máis, que o Entroido de Cobres é unha tradición que se vive en comunidade, con orgullo e con ganas de seguir medrando ano tras ano.



