Demanda poñer fin ao “tesoirazo” do Goberno de Abel Caballero coas políticas para a mocidade, cuxa “primeira vítima” foi esta iniciativa pechada hai 11 anos sen explicación
Xabier P. Igrexas: “Foi o buque insignia dunha política municipal que por vez primeira procuraba dar resposta ás necesidades da mocidade, sen paternalismo e coa participación directa da xente nova”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama a reapertura do programa de dinamización xuvenil ‘Súbete ó Castro’ após 11 anos do seu peche. A fronte nacionalista pide recuperar esta iniciativa como primeiro paso para reverter o que tachan de “tesoirazo” do Goberno de Abel Caballero coas políticas dirixidas á mocidade en Vigo.
Así o demandou o Bloque na última Comisión Informativa de Xuventude, poñendo en valor os numerosos proxectos desaparecidos nos últimos anos que situaran á cidade na “vangarda” das políticas xuvenís. “O programa ‘Súbete ó Castro’ foi o buque insignia dunha política municipal que por vez primeira procuraba dar resposta ás necesidades da mocidade, sen paternalismo e coa participación directa da xente nova”, asegurou o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas.
Lembrou que esta iniciativa, posta en marcha por un Goberno do BNG no ano 2000, permitiu recuperar a vivenda a conserxaría do depósito de auga do Castro, unha dotación abandonada, para transformala nun espazo de servizo e actividades destinadas á mocidade nunha localización “privilexiada no cerne dun dos pulmóns verdes de Vigo”.
Destacou, entre outras accións, o labor do ‘Súbete ó Castro’ no apoio á creación musical na cidade, cun dos primeiros locais de ensaios municipais e cun amplo programa de formación gratuíta “do que se beneficiaron millares de mozas e mozos”. E con proxectos como os CastroConcertos, que foi merecedor do recoñecemento como unha das mellores iniciativas de promoción musical a nivel galego e que serviu de plataforma para o lanzamento de grupos locais que hoxe están consolidades na escena musical.
Aliás, dende este espazo se impulsaron outras iniciativas de éxito xa desaparecidas como a Liga de Improvisación para Xóvenes Afeccionados (Lixa) e se fixeron os primeiros esforzos municipais na promoción da cultura e deportes de carácter urbano, nomeadamente no ámbito da BMX e o skate. E tamén con proxectos de formación en novas tecnoloxías, actividades de lecer alternativo, obradoiros e cursos artísticos.
Tesoirazo de Caballero nas políticas xuvenís
Igrexas afeou que un proxecto pioneiro como o ‘Súbete ó Castro’ fose a “primeira vítima” das clausuras do Goberno de Abel Caballero no ámbito das políticas xuvenís, realizada “por sorpresa e sen explicación” en novembro de 2014. A este sumaríanse outros peches como o Punto Xove, o desmantelamento da Casa da Xuventude “hoxe reducida a unha ludoteca sen apenas servizos” e a reapertura recortada do Vigosónico.
“O único que lle ofreceu Abel Caballero ás mozas e mozos foron as tesoiras coas que cortou case até a raíz a política xuvenil do Concello”, lamentou o portavoz municipal do Bloque, que considera que as mozas e mozos de Vigo “merecen moito máis que uns poucos grandes concertos no verán”.
Por este motivo, defendeu a necesidade de abrir espazos públicos para desenvolver actividades destinadas á mocidade, seguindo o exemplo do programa ‘Súbete ó Castro’. “En lugar de facer desaparecer estas iniciativas, o que hai é que facer é multiplicalas en todos os barrios e parroquias”, propuxo Igrexas.



