HomePontevedraO CondadoA Comunidade de Usuarios de Augas Parada e Rocha de Ponteareas recibe...

A Comunidade de Usuarios de Augas Parada e Rocha de Ponteareas recibe o 3º premio do programa +AQUA da Deputación de Pontevedra

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa de Ponteareas asistiu ao acto de entrega dos premios do programa provincial +AQUA da Deputación de Pontevedra, no que a Comunidade de Usuarios de Augas Parada e Rocha de Ponteareas foi distinguida co 3º premio na categoría “Recoñecemento á traída con maior impacto social”, dotado con 600 euros.

Nesta categoría avaliouse a mellora demostrable na calidade de vida da veciñanza, o abastecemento en zonas illadas ou con dificultade de acceso histórico á auga, a inclusión de colectivos vulnerables e a transformación comunitaria grazas á traída. No caso da Comunidade de Parada e Rocha, o xurado valorou especialmente o seu labor de divulgación e sensibilización, abrindo as instalacións e atendendo visitas de escolares para dar a coñecer o funcionamento da traída e fomentar a educación ambiental e o coñecemento do ciclo da auga entre a infancia.

Este galardón recoñece, así, non só a xestión responsable e sostible da auga, senón tamén o impacto social e educativo xerado pola implicación da comunidade no seu entorno.

O programa +AQUA, impulsado pola Deputación de Pontevedra, é unha liña de axudas dirixida ás comunidades de usuarios de augas da provincia que busca fortalecer a cohesión territorial, promover a sustentabilidade ambiental e mellorar a habitabilidade, especialmente no ámbito rural.

A través deste programa preténdese reforzar os programas de acción comunitaria, modernizando o seu enfoque e centrando as políticas nas persoas, promovendo a integración social e a vertebración do territorio. O obxectivo é xerar sinerxías positivas nas pequenas comunidades e áreas rurais, implicando directamente á veciñanza na construción dun modelo de vida sostible, equitativo e con servizos de calidade.

A alcaldesa quixo trasladar o seu recoñecemento á Comunidade de Usuarios de Parada e Rocha, destacando “o compromiso e a responsabilidade co que estas entidades veciñais xestionan un recurso esencial como é a auga, contribuíndo á mellora da calidade de vida e ao desenvolvemento sostible do noso rural”. Así mesmo, subliñou que “o rural de Ponteareas é un exemplo de organización e responsabilidade colectiva na xestión dos recursos”.

Desde o Concello de Ponteareas valórase moi positivamente esta distinción, que supón un impulso para continuar traballando en colaboración coas comunidades de usuarios na mellora das infraestruturas, na sustentabilidade ambiental e na garantía dun servizo de calidade para todas e todos.

Publicacións Relacionadas