HomePontevedraO concello amplía a rede de saneamento en Cabeiro

O concello amplía a rede de saneamento en Cabeiro

- Anuncio -spot_img
  •  A Concellería de Infraestruturas e Sostibilidade, dirixida por Roberto Villar, executa estas obras nos camiños do Costal e da Coutada Vella dentro da estratexia de saneamento integral das parroquias. Os traballos contan cun orzamento de case 40.000 euros.
  •  O Goberno local avanza simultaneamente na ampliación do saneamento en varias zonas de Vilar, Soutoxuste, O Viso, Cedeira e Ventosela,  entre outros lugares. Un dos obxectivos é levar tamén a rede de sumidoiros á Rabadeira, no camiño da Silveira, malia que require de xestións complexas con particulares e outras administracións. 

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Infraestruturas e Sostibilidade que dirixe Roberto Villar, continúa a avanzar na mellora dos servizos básicos nas parroquias coa execución das obras de ampliación da rede de saneamento en Cabeiro. Concretamente, os traballos estanse a centrar nos camiños do Costal e da Coutada Vella, onde se está a instalar a canalización necesaria para conectar as vivendas á rede municipal. Os traballos contan cun orzamento de 39.996,17 euros. Esta actuación responde á prioridade do goberno local de achegar o saneamento a pequenos núcleos de vivendas que historicamente carecían deste servizo. Segundo explica o concelleiro Roberto Villar, “o obxectivo é garantir que todos os veciños e veciñas de Redondela teñan acceso a uns servizos públicos de calidade, vivan no centro ou nas parroquias, eliminando pozos sépticos e mellorando a salubridade ambiental”.

Proxectos en tramitación. Ademais da obra en marcha en Cabeiro, a Concellería traballa intensamente noutros puntos críticos do municipio. Actualmente, o Goberno local está a impulsar os proxectos de saneamento no camiño da Chousa, en Vilar, no camiño do Lameiro, no Viso, o camiño da Landra, en Cedeira,e o do camiño Moucheiro, en Ventosela. Todos eles darán servizo  varios grupos de vivendas. “Trátase de lugares pequenos a onde aínda non chega a rede, e traballamos para poñer este servizo básico a disposición da veciñanza”. Villar explica que tamén se está a rematar o proxecto da estrada Aldea de Soutoxuste. Outra das redes nas que se está a traballar é a do camiño da Silveira, na Rabadeira. Este é un proxecto máis complexo “xa que precisamos chegar a acordos con particulares para a cesión de fincas  e tamén actuar na estrada N-555”. Por outra banda o Concello ten xa redactado o proxecto para executar o saneamento no camiño do Río Maior, que abrangue as parroquias de Trasmañó e Cedeira. Trátase dunha actuación “de maior calado” que está pendente da tramitación de fondos para a súa execución. Villar confía en facelo realidade “canto antes”.

Publicacións Relacionadas