HomePontevedraO BNG propón unha declaración institucional en Vigo para esixir unha AP-9...

O BNG propón unha declaración institucional en Vigo para esixir unha AP-9 pública, galega e libre de peaxes

- Anuncio -spot_img

Chama a PSOE e PP a un acordo unánime para que o Pleno do Concello reclame o rescate da concesión da autoestrada, diante das reiteradas negativas do Goberno español

Xabier P. Igrexas: “O mantemento dunha AP-9 privatizada e de pago supón un claro castigo para Vigo e o conxunto de Galiza”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de trasladar este martes unha proposta de declaración institucional para que o Pleno do Concello de Vigo esixa unha AP-9 pública, galega e libre de peaxes. Diante das reiteradas negativas do Goberno español a rescatar a concesión, a fronte nacionalista chama a PSOE e PP a un acordo unánime que exprese o “masivo clamor social da cidade” arredor destas reivindicacións.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, asegurou que a proposta é “un texto de mínimos” que recolle a posición común manifestada por todos os grupos políticos tanto no Parlamento galego como no propio Concello, a través dunha moción do BNG aprobada en xullo de 2024 sen ningún voto en contra.

“Se PSOE e PP están de acordo en reclamar a fin das peaxes, como teñen dito unha e outra vez, agardamos que na Xunta de Voceiros deste mércores permitan que o Pleno poida atinxir un acordo unánime en nome da cidade en contra dun castigo inxusto como son as abusivas portaxes da AP-9”, manifestou Igrexas.

Dende o Bloque lembraron que a xestión privatizada da autoestrada, unha vía esencial para a mobilidade da cidade, foi prolongada de forma ilegal até o 2048, como acreditou a Comisión Europea. Unha prórroga da concesión que impuxo a continuidade de peaxes, das máis altas do Estado malia estar máis que amortizada a vía, e que este ano incrementaron nun 4,68%.

“Malia o efecto positivo das bonificacións e descontos que se veñen aplicando nos últimos anos grazas ao BNG, carece de xustificación que se manteñan as portaxes”, valorou o portavoz municipal do BNG. Subliñou que outras autoestradas da mesma xeración están hoxe liberadas de peaxes, o que tachou de “claro castigo” para Vigo e Galiza.

Negativa a rescatar a concesión

Igrexas cargou contra o reiterado rexeitamento do Goberno español a rescatar a autoestrada, a última vez a inicios de febreiro, mentres anuncia que vai liberalizar outras vías no Estado. Engadiu ademais a urxencia de medidas para reducir o impacto acústico e de contaminación que produce ao seu paso pola cidade, que continúa a “tronzar” o barrio de Teis.

A proposta de declaración institucional do Bloque recolle así a demanda de anular a vixente prórroga da concesión privatizada da AP-9 en favor de Audasa, a xestión directa da autoestrada e a súa transferencia a Galiza e a supresión total e definitiva das peaxes. Unhas reivindicacións que para a fronte nacionalista son “irrenunciábeis”.

Publicacións Relacionadas