Abal denuncia que Goretti Sanmartín non actuou coa mesma firmeza que reclamaba cando estaba na oposición, permitindo que a instalación da antena en Aríns avanzase sen negociación previa nin comunicación efectiva coa veciñanza.
Para o grupo socialista, o sucedido en Aríns confirma unha maneira de gobernar a remolque dos conflitos, na que o Executivo local actúa cando o conflito xa é público en vez de anticiparse e mediar previamente.
O Grupo Municipal Socialista defenderá no pleno ordinario deste mes unha proposición sobre a instalación dunha torre de telecomunicacións na rúa Obrigada, en Aríns, tras as mobilizacións veciñais rexistradas nos últimos días. O grupo socialista considera que o conflito evidencia unha falla de anticipación e de xestión política por parte do Goberno de Goretti Sanmartín.
A concelleira socialista Marta Abal sinalou que o problema non reside unicamente na infraestrutura, senón na forma na que se produciu a súa implantación, xa que “dun día para outro, sen que ninguén os avisase, atopáronse, directamente, as veciñas e veciños con que se instalaran nunha finca privada que limita a 70 metros de distancia con algunhas vivendas e a 30 co cerramento das súas parcelas cunha torre de telefonía de preto de 30 metros de altura”, unha situación que, ao seu xuízo, demostra unha ausencia total de comunicación previa coa parroquia afectada.
Abal recoñeceu que a instalación conta cos permisos municipais e que a normativa estatal limita a capacidade das administracións locais para impoñer restricións, xa que “segundo a información municipal, os permisos están en regra e a Lei Xeral de Telecomunicacións establece que este tipo de instalacións son de interese xeral polo que as administracións públicas e as administracións locais teñen que facilitar o seu despregamento e tampouco poden establecer nin fixar limitacións desproporcionadas”, pero advertiu de que esa cobertura legal non exime ao Concello da súa responsabilidade política nin da obriga de actuar con previsión.
Segundo expuxo a concelleira, o expediente estaba aberto e en tramitación desde finais de 2023 e contaba con informes municipais desde principios de 2024, polo que considera que existía marxe suficiente para intervir antes de que a torre estivese instalada. Nese sentido, criticou que “o Concello de Santiago non negociou coa empresa a instalación de ubicacións alternativas”, malia que nos propios informes técnicos se poñen “enriba da mesa dúas ubicacións alternativas para que a empresa instale esta torre, ubicacións alternativas que están a maior distancia das vivendas e teñen menos afección sobre o día a día das veciñas e veciños”.
Para o grupo socialista, o sucedido en Aríns revela unha forma de gobernar reactiva, que actúa cando o conflito xa é público, en lugar de mediar previamente. Abal sostivo que “o goberno tan pronto ten coñecemento dun expediente desta tipoloxía debe abrir un proceso de diálogo coas empresas antes de que o conflito estale como está a pasar agora”, e lembrou que a actual alcaldesa participou noutras etapas en mobilizacións contra instalacións similares, defendendo daquela a mediación institucional.
Na proposición, as e os socialistas instan ao Goberno municipal a abrir de inmediato un proceso de diálogo coa operadora para analizar as localizacións alternativas xa recollidas nos informes técnicos e minimizar a afección ás vivendas próximas, ao tempo que reclaman mellorar a comunicación coas parroquias e barrios implicados, lembrando que “tamén solicitamos que se reforcen os mecanismos de información e comunicación coas parroquias e barrios afectados pola implantación destas infraestruturas de telecomunicación garantindo que as veciñas e veciños coñezan con antelación suficiente as solicitudes destas operadoras para poder anticiparse ás súas pretensións, isto que dicimos é algo esencial”.
O texto inclúe tamén medidas estruturais, como a elaboración dun estudo técnico de planificación preventiva, ao abeiro da ordenanza municipal vixente, que identifique emprazamentos idóneos no termo municipal priorizando a menor afección ás zonas residenciais, o menor impacto paisaxístico e o posible uso compartido de infraestruturas existentes, así como a revisión da actual ordenanza de telecomunicacións.
Abal advertiu de que a entrada en vigor do Regulamento Xigabit, aplicable desde finais de 2025, amplía as posibilidades das operadoras para instalar dispositivos e acelera o despregamento do 5G, o que incrementa a responsabilidade das administracións locais. Neste contexto, concluíu que “coa entrada en vigor do novo regulamento existen moitas máis facilidades ás empresas de telefonía para instalar estes dispositivos de cara ao despregamento da tecnoloxía 5G, pero tamén somos conscientes de que as administracións locais deben de anticiparse, e deben negociar coas operadoras de telefonía móbil”, insistindo en que o Concello debe ter preparado ao longo de 2026 un inventario de infraestruturas que permita ordenar o despregamento e evitar novos conflitos veciñais.



