Os nacionalistas advirten de que o vehículo afectado ten unha antigüidade de 20 anos e instan ao Goberno local a que busque fórmulas rendibles para renovar a flota
O Bloque lamenta que as políticas de formigón de Telmo Martín estean a provocar unha precarización das condicións de traballo do persoal municipal
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo presentou hoxe un escrito por Rexistro para solicitar ao Goberno local do Partido Popular que acometa de maneira urxente unha revisión exhaustiva dos vehículos que forman parte do parque móbil do Concello. “Deben existir garantías de que a flota conta cun mantemento axeitado”, sinalan os nacionalistas, logo de que o pasado mércores se rexistrase un accidente de tráfico en Nantes no que se viu afectado un camión municipal e no que resultaron feridos dous traballadores do Concello, un dos cales precisou de atención hospitalaria. Os responsables do Bloque desexan unha pronta recuperación aos afectados.
As primeiras pesquisas apuntan a que a orixe do sinistro foi un fallo mecánico no sistema de freada. O feito de que o vehículo afectado contase, ademais, con preto de 20 anos de antigüidade é motivo de preocupación para o persoal municipal, tal e como advirten desde o Bloque. “O Goberno local está na obriga de garantir a seguridade e as mellores condicións de traballo aos operarios e operarias do noso Concello”, esixen os nacionalistas, que no escrito tamén instan ao alcalde, Telmo Martín, a que estude fórmulas para potenciar a renovación do parque móbil. “As últimas adquisicións de vehículos municipais que se fixeron, a excepción da Policía Local, foron hai xa varios anos. Tendo en conta a carga de traballo que soportan este tipo de automóbiles, urxe que o Goberno local tome medidas e busque maneiras rendibles de actualizar a flota, como podería ser o ‘leasing’”, propoñen desde o Bloque.
Ao longo dos últimos anos o BNG xa denunciou en varias ocasións as condicións de traballo de moitos operarios e operarias do Concello.
“Non se pode precarizar a súa situación, algo que o señor Martín está a facer, dando prioridade á súa política de cemento e limitando cada vez máis os recursos materiais e humanos. A falta de persoal en moitos departamentos o que está a provocar é que os e as profesionais teñan que soportar unha carga de traballo provocada pola insuficiencia de efectivos”, declaran os responsables do Bloque Nacionalista Galego. Un exemplo claro é o que está a acontecer co Servizo Municipal de Emerxencias, que, afortunadamente, estaba operativo no momento do accidente, o que permitiu a súa rápida intervención. “Pero se ese sinistro chega a ser pola noite ou cando non hai un número de efectivos mínimo de garda, non poderían ter actuado. Esa é a situación na que se atopan os profesionais de Emerxencias debido aos recortes e á incapacidade de negociación de Telmo Martín”, cirtican os nacionalistas.



