O novo persoal técnico céntrase no control da xestión da biomasa para aumentar a seguridade nos núcleos máis expostos
O Concello de Vilaboa vén de reforzar o seu Departamento de Medio Ambiente coa incorporación dun técnico interino e dun contrato de formación dun ano de duración, co obxectivo prioritario de traballar na xestión da biomasa con carácter preventivo. Con esta medida, o goberno local dá un paso decisivo para mellorar a seguridade da veciñanza e reducir o risco de incendios forestais nos núcleos máis vulnerables do municipio.
O novo equipo, formado por Miguel Vilas Aguete e André Barciela, centrará o seu labor inicial nos lugares de Sobreira, Vilar e A Graña, tres zonas consideradas prioritarias pola súa elevada exposición tanto a lumes como ás consecuencias dos últimos temporais. O traballo deste equipo está directamente coordinado polo alcalde, César Poza, quen subliña que “a seguridade xeral da veciñanza está por riba da desidia dalgúns propietarios que manteñen especies pirófitas como pinos ou eucaliptos demasiado preto das estradas”.
Actualización de expedientes e inicio de sancións
Nestes momentos, o equipo de Medio Ambiente está a actualizar centos de expedientes abertos por incidencias relacionadas coa necesidade de cortar especies pirófitas en parcelas próximas a viais públicos. Cada expediente atópase nun punto distinto de tramitación, polo que o Concello está a revisar caso por caso para garantir unha actuación rigorosa.
Tras as comunicacións previas aos propietarios, o Concello iniciará o procedemento sancionador para aqueles que incumpran a normativa vixente. “Temos claro que imos actuar con contundencia”, afirma o alcalde. “Vilaboa non pode permitirse repetir a inseguridade vivida o pasado verán nin permitir que un temporal incremente a súa perigosidade porque os accesos están rodeados de especies que non deberían estar aí”.
Unha cuestión de seguridade, non de política
César Poza insiste en que este reforzo e as actuacións previstas responden exclusivamente a criterios técnicos e de protección cidadá. “Isto non é unha cuestión política, é unha cuestión de seguridade da veciñanza. O Concello implicarase a fondo na prevención para evitar, na medida do posible, que un lume ou un temporal volvan poñer en risco a vida das persoas”.
Coa incorporación deste novo equipo e coa folla de ruta marcada, o Concello de Vilaboa dá un paso firme cara a unha xestión máis eficaz da biomasa e unha maior protección dos seus núcleos de poboación.



