Esta actuación suporía unha importante mellora do servizo de saneamento que actualmente presta a EDAR do Quenllo e tamén permitiría anticiparse ás necesidades dun futuro incremento da poboación a atender
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, analizaron hoxe o proxecto municipal para acometer a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) na localidade.
Esta nova infraestrutura tería como obxectivo tratar os caudais de augas residuais urbanas, así como as industriais asimilables a urbanas e suporía unha importante mellora do servizo de saneamento que actualmente presta a EDAR do Quenllo e tamén permitiría anticiparse ás necesidades dun futuro incremento da poboación a atender.
Nese senso, Ángeles Vázquez explicoulle ao rexedor que o persoal de Augas de Galicia avaliará o proxecto para, a continuación, establecer posibles vías de colaboración e financiamento para acometelo.
Cómpre lembrar que, aínda que a prestación dos servizos de saneamento, abastecemento e depuración é unha responsabilidade de competencia municipal, o Goberno galego leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten.
De feito, o orzamento de Augas de Galicia para 2026 sobe un 5,5%, ata os 151,7 M€, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora e creación de infraestruturas, a formación e a divulgación de técnicos e cidadanía, e a execución de políticas de prevención ante os riscos climáticos e que aumenten a resiliencia hídrica da comunidade.



