A nacionalista, Montse Prado reclama axudas directas inmediatas, un protocolo de baleirado dos encoros e medidas estruturais para evitar a ruína dun sector “que leva anos con respiración asistida”
O BNG vén de presentar no Parlamento galego unha batería de iniciativas diante da grave crise que está a afectar aos bancos marisqueiros da comarca do Salnés, cunha mortaldade masiva de navallas, ameixa e outros bivalvos, así como impacto nas algas.
En zonas como Vilanova ou Carril xa se deu a voz de alarma ante o que describen como “un auténtico cemiterio de navallas e longueiróns”, con centos de quilos de produto morto nos fondos mariños. A situación repítese tamén noutros bancos da ría, afectando directamente ás confrarías e a centos de familias que dependen do mar.
Segundo trasladan desde o sector, a problemática estaría relacionada coa forte baixada da salinidade da auga, motivada polas abondosas choivas, pero tamén pola posible apertura de encoros, especialmente o de Porto de Mouros. “En pouco máis de dúas horas a salinidade baixou de vinte a cero, unha situación absolutamente letal para o marisqueo”, denuncia Prado.
A nacionalista advirte de que este novo golpe chega “nun sector que leva anos con respiración asistida pola baixada continuada da produtividade”. Confrarías como a da Illa avalían que perderon todo o investido na rexeneración dos bancos, o que terá consecuencias non só este ano, senón tamén nos vindeiros exercicios, tanto en produto como en emprego.
“Está en xogo o modo de vida de miles de persoas e de familias enteiras na comarca do Salnés. Non podemos permitir que a Xunta siga de comentarista mentres o sector se afunde”, sinala Montse Prado.
A batería de iniciativas presentada no Parlamento inclúe:
Liñas de axudas directas e urxentes para as confrarías afectadas, como as da Illa, Cambados, Vilanova, Vilaxoán e Carril.
Un estudo inmediato do impacto real nos bancos para cuantificar o nivel de mortaldade.
A elaboración dun protocolo de baleirado dos encoros que minimice a baixada da salinidade e protexa os recursos marisqueiros.
A creación dun seguro colectivo de mal tempo para o sector, semellante ao existente no agro, que permita repoñer a cría sen asumir custos inasumibles nin recorrer á importación masiva.
“O Partido Popular non pode seguir facendo oídos xordos ás demandas históricas do sector. É momento de que se poñan, dunha vez por todas, do lado do mar e non do lado das eléctricas”, engade.
Prado reclama que a Xunta “se remangue e actúe con responsabilidade”, poñendo en marcha medidas reais e eficaces para garantir a supervivencia dun sector estratéxico para a economía e a identidade da ría de Arousa.



