- A iniciativa permite que persoas maiores compartan o seu fogar con mozos e mozas, fomentando a solidariedade e facilitando a emancipación xuvenil.
A concelleira de Asuntos Sociais, Tamara Silva, mantivo este xoves unha reunión cos representantes de Sustinea, entidade sen ánimo de lucro con sede na cidade, para coñecer de primeira man o proxecto “Xerando Conexións e Conectando Xeracións”.
Esta iniciativa xorde para dar unha resposta integral a dous dos grandes desafíos sociais da actualidade: a soidade non desexada que afecta a moitas persoas maiores e as crecentes dificultades de acceso á vivenda por parte da mocidade.
O proxecto propón un modelo de convivencia baseado no beneficio mutuo. A través deste sistema, as persoas maiores ofrecen aloxamento no seu propio fogar a persoas novas. A cambio, a mocidade comprométese a brindar compañía e apoio nas tarefas cotiás, creando un ambiente de coidado e seguridade.
As persoas que desexen participar nesta experiencia ou precisen máis detalles sobre o funcionamento do proxecto poden contactar directamente con Sustinea:
- Teléfonos: 988 782 964 / 695 702 346
- Correos electrónicos: info@sustinea.org / xerando.conexions@sustinea.org



