HomeA CoruñaO BNG denuncia que o PP incumpre reiteradamente as normativas europeas de...

O BNG denuncia que o PP incumpre reiteradamente as normativas europeas de medio ambiente

- Anuncio -spot_img

Ana Miranda visitou a comarca do Eume, onde avanzou a presentación de iniciativas no Parlamento Europeo

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo hoxe unha xornada de traballo en Cabanas, onde visitou dous espazos con diversos problemas medioambientais, como son os áridos asfálticos de Vilar do Colo e o piñeiral da Madalena. Na xornada, que comezou cun encontro co grupo municipal do BNG, encabezado polo seu portavoz, Iago Varela, así como co deputado Xosé Manuel Golpe, ademais de denunciar o incumprimento reiterado das normativas europeas por parte do PP, Miranda avanzou a presentación de diversas iniciativas nas institucións europeas.
Na visita ao depósito de áridos de Vilar do Colo, na que tamén participou a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, abordouse a grave situación ambiental que supón o verquido de máis de 290.000 toneladas de refugallos asfálticos contaminantes procedentes dos Países Baixos. Estás substancias levan case dúas décadas acumuladas nunha parcela forestal do Monte dos Cocidos, nas inmediacións do río Baa, xunto o polígono de Vilar do Colo.
A inacción prolongada da Xunta de Galiza como autoridade competente provocou durante anos filtracións contaminantes cara acuíferos, captacións de auga e, finalmente, á ría de Ferrol. “Estamos ante un caso moi grave de pasividade ambiental que non pode continuar”, denunciou, ao tempo que avanzou que desde o Parlamento Europeo “imos volver poñer o foco neste problema para que as autoridades competentes actúen dunha vez e garantan a retirada dos residuos e a recuperación ambiental da zona”.
Obrigas ambientais
“Seguiremos esixíndolle á Xunta o saneamento da ría de Ferrol e a solución ao problema do depósito dos áridos”, subliña Xosé Manuel Golpe. Pola súa banda, Iago Varela destacou que “levamos anos denunciando esta situación e reclamando solucións”. Segundo afirmou, “a visita de Ana Miranda permite elevar novamente este problema a instancias europeas e reforzar a presión para que a Xunta cumpra coas súas obrigas ambientais”.
A xornada continuou no Piñeiral da Madalena, onde Ana Miranda coñeceu de primeira man o proxecto de conservación e rexeneración financiado con fondos europeos de Transición Xusta, cun investimento de 498.872,22 euros. Ao respecto, o BNG trasladoulle a preocupación pola xestión do actual goberno local e denunciou actuacións que consideran lesivas para o ecosistema, como cortas non programadas, talas para a construción dun aparcadoiro ou o depósito de area sen tratamento previo.
Durante o encontro coa veciñanza, Miranda amosou o seu apoio ao movemento social en defensa do Piñeiral e subliñou que “os fondos europeos están para protexer e recuperar o territorio, non para poñelo en risco. É fundamental garantir unha xestión ambiental rigorosa e respectuosa”. Neste sentido, Iago Varela incidiu en que “o Piñeiral é un espazo natural emblemático de Cabanas e imos seguir defendendo a súa conservación fronte a decisións que comprometen o seu futuro”.
A xornada de traballo rematou cun encontro coas representantes das asociacións de propietarias das Fragas do Eume no que se abordaron os problemas estruturais do Parque Natural, especialmente en materia de xestión territorial. Ao respecto, Ana Miranda avanzou a presentación dunha pregunta parlamentar para trasladar ás institucións europeas a realidade do territorio e avanzar cara unha xestión máis eficaz e sostible. “E necesario desenvolver o Plan de Usos do Parque que poña en valor o patrimonio ambiental do parque e que sexa compatible cos dereitos dos propietarios”, sinalou ao respecto o Xosé Manuel Golpe.

Publicacións Relacionadas