- A proba tomará saída do peirao bueués ás 10.30 horas e nela agárdase a participación dun cento de embarcacións
- O percorrido sairá do peirao de Bueu cara a zona da Robaleira, variando as distancias segundo as categorías
O Club do Mar de Bueu – Simei e o Concello de Bueu organizan este domingo, 22 de febreiro, a XVI Bandeira de Bateis, unha regata que se desenvolverá a partir das 10.30 horas e na que se agarda a participación dun cento de embarcacións. Este venres tivo lugar a presentación en rolda de prensa do evento coa presenza de Rosario Freire e Javier Pazos, da directiva do club, e de Carmen García e Xosé Leal, concelleiros municipais.
Esta actividade, que xa vén sendo unha proba clásica no calendario de regatas de Bateis da Zona Sur, terá o formato de regata en liña, en quendas lanzadas na mesma categoría, cun minuto de intervalo, e con cinco minutos entre as distintas categorías. O percorrido sairá dende o peirao de Bueu cara á praia da Robaleira, e as distancias variarán segundo as categorías. Segundo as previsións do club, pois a inscrición aínda se pecha hoxe, prevese a participación de quince equipos de alevíns feminino, mixto e masculino; dezaoito de infantil feminino, mixto e masculino; vinte e un de cadete feminino e masculino; doce de xuvenil masculino e feminino; dez de sub 23 feminino e masculino; e dezaoito de séniors feminino e masculino.
A organización agarda a participación de máis dun cento de embarcacións e de arredor de cincocentos deportistas, polo que se prevé un domingo cheo de remo.
Tal e como se establece no regulamento, as traiñeiras gañadoras nas categorías masculina e feminina faranse cunha bandeira conmemorativa da proba, para os clubes que acaden maior puntuación nas diferentes regatas. Así mesmo, haberá medallas para os barcos clasificados en cada categoría.



