O Goberno local implicarase na organización dunha serie de excursións, da man da Asociación de Hostaleiros, para cubrir as 4 etapas do Camiño Portugués, entre Tui e Caldas, ademais de axudar a promover o I Concurso de Tapas
O alcalde, Jacobo Pérez, salienta a implicación deste colectivo e incide na importancia de traballar “man a man” para continuar consolidando proxectos, propostas e iniciativas que fagan de Caldas de Reis unha parada imprescindible para peregrinos, camiñantes e visitantes
O Concello de Caldas de Reis, da man do sector da hostalería local, segue a dar pasos para continuar fortalecendo a oferta promocional da vila durante os doce meses do ano, implicándose na elaboración de propostas que axuden a atraer visitantes durante as catro estacións. O alcalde, Jacobo Pérez, falou estes días coa nova directiva da Asociación de Hostaleiros de Caldas de Reis, con quen o Goberno local está disposto a colaborar para a organización de futuras citas que, tal e como avanza Pérez Gulín, “farán do noso pobo un lugar ao que os visitantes, e especialmente os peregrinos, sempre quererán volver”.
O Concello ofrecerá a súa colaboración á asociación de profesionais deste sector para dar vida a unha iniciativa vencellada, precisamente, ao Camiño de Santiago, un dos principais motores económicos e dinamizadores da vila termal. O Goberno local e a agrupación irán da man para dar vida a unha actividade encamiñada a poñer no mapa Caldas de Reis aproveitando as etapas do Camiño que cobren a distancia entre Tui e o propio municipio.
Durante 4 sábados, organizaranse excursións para cubrir cada unha das etapas que completan esta extensión, na que poderán participar, en cada unha delas, máis de medio cento de persoas. Ademais, tamén haberá unha recepción co presidente da Asociación do Camiño Portugués, Tino Lores, tal e como avanzaron desde a Asociación de Hostaleiros, que considera que esta proposta pode axudar a posicionar a Caldas de Reis como parada imprescindible para camiñantes, animándoos a volver.
Ademais, nas vindeiras semanas, previsiblemente a finais de marzo, porase en marcha o I Concurso de Tapas, que organizará a agrupación de profesionais, en colaboración co propio Concello. Non se descarta, asemade, a posta en marcha doutras iniciativas como unha futura festa gastronómica. “Son propostas que tamén serven para promocionar a gran calidade e profesionalidade que destila o sector da nosa hostalería local”, asegurou Jacob Pérez, quen quixo poñer en valor a implicación dos e das profesionais á hora de “remar na mesma dirección para consolidar fórmulas que atraian a turistas, visitantes e peregrinos durante toodo o ano”. O alcalde garantiu que “no Concello sempre estaremos dispostos a escoitar e colaborar con este tipo de propostas”, e lembrou a boa sintonía existente entre a Administración local e o sector, que serviu xa para dar vida a outras iniciativas, como a promoción das oito rutas de sendeirismo que parten desde o centro da vila.
O alcalde tamén salintou o éxito de ocupación acadado nos últimos meses noso negocios vencellados ao Camiño Portugués e destacou a gastronomía local como selo de calidade e diferenciación. Proba disto é a expectación que están a espertar, por exemplo, o Restaurante Roquiño e La Burguer, coa súa participación no certame Best Burguer Spain. Ambos establecementos optan a este galardón, que premia á mellor hamburguesa do país.



