Cuestiona o uso do porto como “escaparate de exhibición militar” e reclama que a cidade sexa referente de convivencia e defensa da paz e non de propaganda armada
Xabier P. Igrexas:“Buques militares, como o patrulleiro Tabarca, dotados con canóns e sistemas de metralladoras non son unha atracción inocente para a visita de familias”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo vén de expresar o seu “firme rexeitamento” á celebración dunha xornada de portas abertas nun patrulleiro da Armada española no porto da cidade a partir deste domingo.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, alertou de que “non estamos diante dun acto neutro nin inocente”. Ao seu xuízo, este tipo de iniciativas forman parte dunha “estratexia deliberada de normalización e lexitimación do militarismo no espazo público”, presentándoo baixo unha aparencia “amábel, familiar e lúdica”.
Igrexas cualificou estas actividades como unha “operación de propaganda branda” orientada a xerar simpatía social cara ás forzas armadas e, por extensión, cara ao incremento do gasto militar “nun contexto de crecente belicismo”. “Buques militares, como o patrulleiro Tabarca, dotados con canóns e sistemas de metralladoras non son unha atracción inocente para a visita de familias”, recalcou.
Desde o BNG consideran que Vigo “non pode converterse en escaparate de exhibición militar nin en escenario de promoción dunha cultura que sitúa as forzas armadas como ferramenta central de seguridade”. Igrexas lembrou ademais que o BNG xa expresou a súa oposición a que a cidade acolla no vindeiro mes de maio o desfile polo Día das Forzas Armadas.
Aliás, contrapoñen esta iniciativa coa situación social e económica da cidade. “Vigo afronta problemas reais e urxentes: precariedade laboral, dificultades extremas de acceso á vivenda, empobrecemento de amplas capas sociais e un modelo produtivo en risco”, afirmou. “O que precisamos son investimentos en emprego digno, políticas sociais e fortalecemento dos servizos públicos, non accións que consoliden un imaxinario militarista”.
Igrexas cuestionou tamén que institucións como o Ministerio de Defensa e a Autoridade Portuaria promovan e avalen estes actos, lembrando que “a utilización do porto e do espazo público para fins de promoción militar é unha decisión política que debe ser debatida e contestada”.
O BNG reafirmou a súa aposta por “unha cultura de paz, cooperación entre os pobos e seguridade baseada no respecto á soberanía dos pobos, os dereitos humanos e a xustiza social”, defendendo que Vigo debe ser “referente de convivencia, paz e coñecemento, non unha plataforma de exhibición militar”.



