Estas axudas abranguen o período 2025-2027 e destínanse ao mantemento dos servizos de atención continuada e atención social que ten a asociación, a itinerarios de inclusión social e laboral, e a cofinanciar a adquisición dun inmoble
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, puxo hoxe en valor o traballo que desenvolve o Comité Cidadán Antisida da Coruña (CASCO) durante unha visita á súa sede. Arturo Parrado garantiu a continuidade do apoio da Xunta de Galicia ao funcionamento dos servizos e programas que ten en marcha a entidade, con unha traxectoria de máis de tres décadas en favor da inclusión e contra a estigmatización.
Neste sentido, o director xeral sinalou que o Executivo autonómico mantén unha estreita colaboración con esta asociación. Así, a través da orde de axudas a entidades de iniciativa social para o período 2025-2027 concedéronselle preto de 700.000 euros, destinados ao funcionamento dos seus centros de atención continuada e de atención social.
A esta contía hai que engadir outros 100.000 euros, con cargo á última convocatoria de axudas do 0,7% do IRPF, para o desenvolvemento de itinerarios personalizados de inclusión social e laboral, e para cofinanciar a adquisición dun inmoble.
Arturo Parrado destacou que o obxectivo do Goberno galego é garantir que todas as persoas, con independencia da súa condición económica, procedencia ou situación persoal, teñan iguais oportunidades de participación, formación e emprego. Un compromiso que a Xunta demostra cada ano nos seus orzamentos, que este exercicio contan con 130 millóns de euros a blindar as políticas destinadas á inclusión social.



