No pasado pleno, Alternativa dos Veciños trasladou a súa preocupación pola situación actual da área de Servizos Sociais, concretamente solicitando información sobre a lista de espera no Servizo de Axuda no Fogar, así como en que punto están as ordenanzas.
Nin alcalde nin ningún membro do equipo de goberno deu resposta ás cuestións realizadas, a pesar de tratarse de asuntos que afectan directamente á veciñanza. Tampouco se ofreceu información sobre a non solicitude de máis de 300.000 euros en subvencións destinadas a políticas sociais.
Para Alternativa, o silencio do goberno ante as preguntas que buscan coñecera realidade da área de Servizos Sociais evidencia unha preocupante falta de transparencia e de prioridade política nun ámbito esencial para o benestar da cidadanía.
O grupo municipal insiste na necesidade de ofrecer datos claros, planificación e xestión nun área de impacto tan directo na calidade de vida das persoas máis vulnerables.



