• Propón reforzar o persoal técnico e esixe unha maior supervisión política para reducir os atrasos nas licenzas
• Advirte que a iniciativa privada estase a resentir: “a Comisión Asesora apenas tramita expedientes de rehabilitacións na actualidade”
Os prazos de tramitación das licenzas de obra serán abordados no vindeiro pleno municipal a proposta das concelleiras Non Adscritas. Mercedes Rosón preguntará directamente ao responsable de Urbanismo sobre as medidas previstas para reverter unha situación que se está agravando nos últimos meses: unha licenza para cambiar un tellado pode chegar a tardar dez meses “e, unha vez concedida, o cidadán ten que agardar novamente á concesión da licenza de ocupación de vía pública” critica.
Rosón lembra que a concesión de licenzas é un servizo “esencial para a dinamización económica da cidade, fundamental para autónomos, pequenas empresas e promotoras que impulsan proxectos de obra nova ou rehabilitación”. Porén, segundo advirte, os atrasos na tramitación están a provocar un “evidente malestar entre a cidadanía e o tecido empresarial”, xerando “inseguridade xurídica, falta de incentivos para investir e obstáculos” para o desenvolvemento económico de Santiago.
A concelleira subliña que o prioritario debería ser o reforzo do persoal técnico e administrativo do departamento. Neste sentido, lembra que existen prazas pendentes de convocar incluídas na oferta de emprego público de 2025. “Máis alá do nomeamento dunha nova xefa de servizo, non houbo novidades coñecidas respecto da dimensión real do persoal que presta este servizo”, apunta.
Maior control político sobre os expedientes
Ademais da cuestión técnica, Rosón incide na responsabilidade política na supervisión e seguimento dos expedientes. Aínda que recoñece que as licenzas son actos regrados, considera imprescindible que exista unha dirección política activa que controle os tempos e mellore a coordinación entre departamentos.
Segundo denuncia, malia o incremento da estrutura directiva e político-asesora impulsada polo goberno local, os prazos “non só non se reduciron, senón que empeoraron”. Consecuencia disto, advirte de que a iniciativa privada está a resentirse. Na Comisión Asesora de Patrimonio Histórico, explica, a maioría dos expedientes relacionados con licenzas corresponden a actuacións promovidas polo Consorcio ou pola Catedral, mentres que as rehabilitacións impulsadas por particulares son cada vez menos frecuentes.
Ante esta situación, a concelleira interpelará ao goberno local para coñecer as liñas nas que está a traballar e que medidas concretas ten implantado para reducir os prazos de concesión de licenzas, mellorar a coordinación entre departamentos e impulsar a iniciativa privada na construción e rehabilitación de vivenda en Santiago de Compostela.



